Música en directo para animar os pacientes hospitalizados

16 de decembro 2024

O guitarrista Raúl Ben e a cantautora Carla Lourdes encheron as estadías do Hospital de Día Oncolóxico e Hospital de Día Médico pontevedrés en sendos micro concertos celebrados este luns

Música en directo para animar aos pacientes do Hospital Provincial

A iniciativa solidaria da asociación 'Música en Vena' chegou por segunda vez no que vai de ano 2024 a unidades asistenciais da área sanitaria.

As cancións do guitarrista Raúl Ben e a cantautora Carla Lourdes encheron as estadías do Hospital de Día Oncolóxico e Hospital de Día Médico do Provincial pontevedrés en sendos micro concertos celebrados durante este luns.

Música en Vena é unha asociación sen ánimo de lucro adicada a humanizar as contornas sanitarias a través da música en directo, mellorando as estadías hospitalarias de pacientes, familiares e persoal sanitario. Así mesmo, fomentan o uso da música con fins terapéuticos a través da educación, a investigación, o emprego e o voluntariado.

A ponferradina Carla Lourdes comezou a compoñer aos 15 anos, aínda que non foi ata os 24 cando comezou a compartir a súa música. No ano 2021 lanzou "Sin Instrucciones", un primeiro sinxelo que a situou na escena, mentres que o pasado mes de outubro presentou "Equilibrio" un adianto do seu primeiro álbum que se publicará en 2025 e que fala de quedarnos co bo sen esquecer a amargura.

Acompañando a Carla Lourdes á guitarra, interveu o músico, produtor e compositor galego Raúl Ben, artista que participou no programa Operación Triunfo e que avoga por producións e iniciativas musicais pausadas e conscientes, fronte á aceleración actual das redes sociais.

A asociación Música en Vena comezou a súa actividade solidaria hai máis de dez anos en hospitais da Comunidade de Madrid, continuando a súa aportación social en Cataluña.

Neste tempo xa se celebraron máis de 10.000 micro concertos en hospitais de día e auditorios de centros sanitarios, coa participación de máis de 20.000 músicos voluntarios de distintos xéneros, co que beneficiaron a máis dun millón de doentes.

Xunto a Carla Lourdes e Raúl Ben asistiu no Hospital Provincial de Pontevedra a presidenta e fundadora de Música en Vena, Virginia Castelló, quen salientou que na súa labor humanizadora teñen colaborado artistas comprometidos coma Carlos Núñez, Los Secretos, José Mercé, Rosario Flores ou a Orquestra Sinfónica de Madrid.

No pasado mes de marzo deste ano, Música en Vena arrancou a súa labor solidaria en Galicia da man do patrocinio da Fundación Luckia, para ofrecer concertos ata finais de 2024 en diferentes plantas e centros hospitalarios da comunidade galega. De feito, o primeiro deses concertos no Hospital Provincial pontevedrés tivo lugar o pasado maio, interpretado polo cantante de orixe brasileira Gustavo Almeida, que leva anos afincado en Pontevedra.