Este xoves tivo lugar a presentación da programación das festas do Divino Salvador de Poio, que mesturan música e tradición do 5 ao 8 de agosto.
As celebracións comezarán o luns, día 5, coa lectura do pregón a cargo de Jacobo Olmedo Suárez Vence, director do colexio SEK Atlántico ás 22.00 horas no adro da Igrexa de San Salvador. Posteriormente actuará o grupo de gaitas Vides Novas e a noite rematará coa actuación do grupo Alianza.
O martes 6, ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne na honra a San Salvador, cantada pola Coral de Poio. A procesión estará acompañada pola Escola de Música Municipal de Redondela e pola Escola de Música tradicional de Poio. Pola tarde, ás 19.30 horas a programación inclúe o concerto da Escola de Acordeóns de Campelo e, a partir das 21.00 horas a verbena estará amenizada polas orquestras Player e La Ocaband.
Xa o mércores 7, a misa na honra á virxe do Carme será ás 12.30 horas e estará cantada pola Coral Virxe de Fátima de Campelo. De seguido sairá a procesión, acompañada pola Escola de Música tradicional de Poio. Pola tarde, ás 19.30 horas actuará o grupo Chispas do Lérez e a verbena comezará ás 21.00 horas coa orquestra Capitol e o grupo Azabache, Recanteiros de Luar.
O último día da festa dedicarase aos máis pequenos da casa, cunha festa infantil con inchables, touro mecánico e festa da escuma. Será a partir das 18.00 horas.
O alcalde, Ángel Moldes, agradeceu o traballo das comisións de festas do municipio e destacou "o labor importante que realizan, un traballo fundamental para manter a tradición e potenciar as festas patronais do noso concello".