Musaca de atún ao estilo gourmet de Conservas Pescamar

Pontevedra
24 de marzo 2019

Trátase dun prato orixinario de Grecia e zonas limítrofes moi parecido á lasaña pero no que se susbtitúe a pasta por láminas de berenxena

Musaca CTO Zurich en Flickr

Chegamos a unha nova entrega de"A cociña gourmet en conserva" cunha deliciosa receita da cociña grega: a musaca. Este prato ten variantes en diferentes zonas dos Balcáns, así como de Oriente Medio, pero a receita máis popular é a procedente de Grecia. Son tres capas: a primeira de berenxena, a segunda de cordeiro e a última dunha bechamel consistente.

Conservas Pescamar proponnos unha musaca na que o cordeiro substitúese co toque especial que lle outorga a textura e o sabor dun dos seus produtos máis prezados: o atún claro.

O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas, superior ao dalgunhas carnes. O seu alto contido en Omega-3 beneficia a saúde do corazón e regula os niveis de colesterol e triglicéridos. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.

Para preparar unha deliciosa Musaca de atún ao estilo gourmet de Conservas Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes (para dúas persoas):

- 2 latas medianas de atún claro en aceite de oliva Pescamar

- 2 berenxenas grandes

- aceite de oliva

- 1 cebola

- 2 dentes de allo

- 2 tomates maduros

- ourego

- sal

- pan ou queixo relado (a elixir)

- Para a salsa bechamel:

     - 1/2 l de leite

     - 70 g de manteiga

     - 70 g de fariña

     - sal e pementa branca

     - noz moscada

Preparación:

Picamos a cebola e os allos e rustrímolos nunha tixola cun pouco de aceite. Á parte, trituramos o tomate e engadímolo á tixola. Refogamos ata que o tomate quede ben cociñado. Engadimos as dúas latas de atún claro en aceite de oliva Pescamar previamente escorrido e o ourego. Deixamos cociñar a lume suave ata que se evapore o líquido do rustrido. Engadimos un pouco de sal e reservamos.

Preparamos a salsa bechamel mesturando a manteiga, a fariña e o leite. Cocemos a mestura a lume lento e removemos ata conseguir unha salsa cremosa. A continuación, engadimos sal, pementa e noz moscada, ao gusto. Reservamos.

Tomamos as berenxenas, lavámolas ben baixo a billa e cortámolas en láminas. Cociñámolas por ambas as caras nunha tixola antiadherente cunhas pingas de aceite de oliva.

Forramos a base dunha bandexa de forno coa metade das láminas de berenxena. Por riba, estendemos a metade do rustrido que tiñamos reservado, cubrimos co resto das láminas de berenxena e, sobre elas, o rustrido restante.

Finalmente, cubrimos coa salsa bechamel e empoamos o queixo relado ou o pan, segundo gusto.

Introducimos a bandexa no forno, prequentado a 180 graos, ata que a parte superior quede ben dourada.

En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva"deConservas Pescamar.