A praia de Silgar, en Sanxenxo, foi escenario na tarde do último día do ano do tradicional "Mergullo solidario", un evento benéfico que volveu reunir a decenas de valentes bañistas dispostos a despedir o ano 2024 cun xesto solidario en favor da Fundación Aladina, entidade que apoia a menores con cancro e as súas familias.
O evento, organizado por Susana Villalustre e Paula Torres, e que contou coa colaboración da Concellaría de Servizos Sociais do Concello de Sanxenxo, comezou ao catro da tarde con música en directo mentres os participantes realizaban as súas inscricións e entregaban donativos nas mesas instaladas xunto á Rosa dos Ventos.
Por cada donativo de 5 euros, os participantes recibiron un ticket para chocolate quente e rifas para o sorteo de agasallos.
Ás cinco da tarde, os bañistas lanzáronse conxuntamente ás augas de Silgar, protagonizando un emotivo baño colectivo.
Entre os participantes destacaban moitos gorros e traxes de Papá Noel e divertidos disfraces que luciron baixo o sol dunha tarde despexada.
Todo o recadado neste evento será destinado integramente á Fundación Aladina, unha organización que conta actualmente con 30.000 persoas asociadas e que leva case dúas décadas traballando en apoio a nenos con patoloxías oncolóxicas e as súas familias.
O evento concluíu co sorteo de diversos obsequios doados por comercios locais de Sanxenxo.