Axentes da Policía Local de Poio multaban na xornada deste sábado un establecemento de hostalería por incumprir co límite establecido polas restricións que se atopan en vigor con motivo da pandemia.
Neste caso, segundo informan desde a Comisaría da Policía Local de Poio, este bar situado na parroquia de San Salvador contaba con clientes que superaban o 50% da capacidade do espazo. Ademais, segundo indican, non respectaba as distancias establecidas entre as mesas, tampouco se cumprían os controis en canto á distancia entre clientes que fumaban.
A multa para este establecemento pode oscilar entre os 3.001 e os 600.000 euros, segundo recóllese na Lei Xeral de Saúde Pública por realizar condutas ou omisións que poden producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación nun establecemento de hostalería.
COLABORACIÓN PARA LOCALIZAR PERSOAS EN CORENTENA
Ademais, dos controis de mobilidade, os axentes da Policía Local tamén colaboran estes días activamente coas autoridades sanitarias para axudar a localizar a aquelas persoas que deberían gardar corentena, por tratarse de contactos directos ou por dar positivo na súa proba PCR, e atópanse na rúa.
Segundo expoñen desde o Concello de Poio, a Policía está a implicarse nestas medidas cando os rastrexos efectuados polo SERGAS resultan insuficientes para localizar a estas persoas.
Afirman que, nestes casos, a Policía Local será moi rigorosa nestes controis. Nestas situacións, o incumprimento dunha corentena sendo positivo carrexa sancións económicas que poden alcanzar os 3.000 euros.
O alcalde de Poio Luciano Sobral insiste en pedir á poboación que se autoconfine e permaneza nas súas vivendas para evitar que continúen producíndose contaxios no municipio. O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xa lle comunicaba ao rexedor que, durante a vindeira semana, vai realizarse un cribado masivo en Poio para tentar localizar positivos asintomáticos.