Tras a investigación policial e xudicial no marco da Operación Patos, que acabou cunha causa aberta contra o Concello de Pontevedra por presuntas irregularidades na contratación de traballadores na empresa Cespa, o propio goberno municipal iniciou unha investigación interna para coñecer os criterios de selección de persoal da empresa. E este mércores coñeceuse a resolución dese traballo.
Arquivada a causa pola xustiza, ao non apreciar delito nos supostos enchufes detectados -e que foron negados desde o principio polos membros do goberno do BNG-, a Xunta de Goberno acordou sancionar a empresa con 9.010 euros por non informar sobre a súa política de contratación, como así llo solicitara o Concello.
A sanción é por dúas faltas graves pola reiterada non comparecencia da empresa para dar conta desta política de contratación.
O expediente abriuse o pasado 7 de outubro de 2015 e acordouse unha primeira convocatoria da empresa ante o xuíz instrutor -o concelleiro de Réxime Interior e Persoal, Vicente García Legísima- o 29 de outubro. Naquela ocasión a empresa non compareceu e remitiu ao Concello un escrito de alegacións. O Concello reiterou a solicitude de comparecencia para o 4 de novembro, que tampouco tivo resultado por parte da empresa.
O expediente seguiu o seu curso seguindo o procedemento habitual cunha proposta de resolución que tamén tivo alegacións por parte da empresa e que finalmente foi aprobada na Xunta de Goberno de hoxe.
Así, se acorda impoñer a Cespa dúas multas: unha de 3.000 euros por unha falta grave pola non comparecencia do 29 de outubro; e unha segunda de 6.010,12 euros por unha falta grave pola non comparecencia do 4 de novembro. O expediente queda pechado tras negarse a empresa a dar información sobre a súa política de contratación ao estar o asunto sub iudice.
Este expediente pode ser recorrido pola empresa no Xulgado Contencioso.
O portavoz do goberno, Raimundo González asegurou que dende aquela data as relacións coa empresa concesionaria da recollida do lixo son tensas, aínda que se teñen que manter nos termos contractuais.