O Concello nega "rotundamente" estar relacionado con enchufes nas contratacións de Cespa
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal, a través do seu portavoz Raimundo González, negou "rotundamente" que os seus membros actuasen como 'mentores' para que amizades e familiares do alcalde e varios concelleiros fosen contratados pola empresa Cespa, compañía concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de lixos na cidade de Pontevedra desde o ano 1999.
Todo parte dun informe elaborado pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) no que, citando un documento intervido na sede de Cespa durante a Operación Patos, evidenciaríanse diversas contratacións de traballadores que terían sido suxeridas por políticos e técnicos municipais. Entre os citados como 'mentores' destes enchufes están o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ou varios edís do grupo de goberno.
Os axentes conclúen que, en Pontevedra, constan como contratados unhas 14 persoas que, segundo o informe, serían enchufados non só por políticos senón tamén por diferentes técnicos municipais ou mesmo por un axente da Policía Local.
"Para o goberno municipal foi unha sorpresa que apareza o noso nome nesa relación", afirmou Raimundo González, que negou realizar calquera influencia nos procesos de contratación de Cespa en Pontevedra. De feito, no seu caso o seu nome aparece relacionado con catro persoas e a tres delas "non sei sequera se as coñezo" e a cuarta sería a filla dun curmán seu de cuxa contratación "entereime cando xa estaba traballando".
En todo caso, ante a aparición deste informe sobre estes supostos enchufes que remitiu a UDEF á xuíza instrutora da Operación Patos, o edil do BNG sinalou que "vamos indagar" na política de contratación que ten esta empresa porque afirmou que o Concello de Pontevedra está "sumamente interesado" en aclarar esta cuestión. Neste sentido, reiterou que "é bo que se investigue todo o que se teña que investigar".
Tras destacar que "ruxe ruxes hai moitos", non quixo menosprezar a investigación das autoridades porque "se o di a Policía, existirá ese listado", polo que insistiu en que con independencia que as actuacións a nivel xudicial -que no caso de Pontevedra aínda non pediron información algunha ao Concello- non teñan percorrido nos xulgados "queremos que se clarifique" porque no goberno municipal "non quero que se dean estas prácticas".
Relacionadas:
-
Multan a Cespa con 9.000 euros por non aclarar a súa política de contratación en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O arquivo da causa sobre os presuntos 'enchufes' de Cespa en Pontevedra chegará á Audiencia
Por Redacción |
-
Expedientan a Cespa por non comparecer ante o Concello para informar sobre as contratacións
Por Natalia Puga |
-
O xuíz sobresé de forma provisional a causa dos supostos "enchufes" en Cespa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP solicita unha comisión de investigación sobre os contratos de Cespa co Concello
Por Alejandro Espiño |
-
A xuíza da Operación Patos imputa a Louzán
Por Redacción |
-
BNG e PSOE, tranquilos ante o sumario da Operación Patos
Por Redacción |