Ás veces os motivos polos que alguén salta o toque de queda decretado en Galicia pola covid-19 sorprenden e moito. É o caso que se viviu esta Semana Santa en Vilagarcía de Arousa.
Unha persoa foi sancionada pola Policía Local por estar a lavar o coche en plena rúa no medio da madrugada, en concreto, ás 01:30 horas. Pero non foi a única.
Unha hora máis tarde, ás dúas e media da madrugada, foi o momento elixido por outro cidadán para saír a dar un paseo en bicicleta polo paseo marítimo. Foi sorprendido polos axentes e tamén foi proposto para sanción por non cumprir as restricións.
En total, ao longo destes días festivos, a Policía Local de Vilagarcía tramitou dezaseis propostas de sanción, das que once foron por saltar o toque de queda fixado ás dez da noite. Houbo quen mesmo foi sorprendido paseando o seu can á unha da madrugada.
Tamén houbo unha denuncia por non usar a máscara e catro denuncias contra establecementos hostaleiros do municipio.
Neste último caso, todas foron por permanecer abertos despois do horario fixado para o peche, sumando nalgún dos casos, outras infraccións como non ter sinalizados os aforamentos, non ter o sistema de códigos QR e non gardar as distancias de seguridade.