Multa de 720 euros a dous furtivos habituais acusados de extraer ameixa xapónica en Poio

Poio
21 de febreiro 2022

Os dous condenados actuaban, sen licenza, a primeiras horas da mañá ou durante a noite entre xuño e finais de agosto de 2019. Ata sete veces persoal do servizo de gardacostas da confraría de San Telmo, axentes da Policía Local ou da Policía Autonómica tiveron que perseguilos pola contorna de Campelo e Combarro

Marisco localizado aos furtivos, durante unha das intervencións nese verán de 2019 Policía Local de Poio - Arquivo

O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou dous veciños de Poio como autores dun delito contra a fauna na súa modalidade de marisqueo ilegal, que se recolle no artigo 335.2 do Código penal. A pena é dunha multa de 720 euros.

Os dous condenados extraían ameixa xapónica na contorna de Campelo, a Illa dos Ratos e Combarro entre principios de xuño e finais de agosto de 2019. Os furtivos carecían de permisos de extracción e actuaban no ámbito da confraría de pescadores San Telmo de Pontevedra, cuxos asociados son os únicos que contan con autorización da Consellería do Mar para apañar moluscos nesa zona.

As accións polas que foron denunciados iniciáronse o 3 de xuño cando se atopaban na zona Combarro C3, ás 23.40 horas. Foron sorprendidos por gardapescas e axentes da Policía Autonómica. Nese momento déronse á fuga con dous sacos. Un dos furtivos era interceptado cunha cantidade de 17,52 quilos de ameixa, dos que 5,66 eran alevíns, de tamaño antirregulamentario. A captura máxima nesta zona é de 5 quilos por persoa e día, segundo recolle a Orde da Consellería  do Mar.

O modus operandi era sempre similar. Retiraban a ameixa en sacos, que eran escondidos en zonas de matogueiras, tanto a primeiras horas da mañá como durante as noites. Os furtivos, unha vez sorprendidos, tentaban fuxir a pé ou en vehículo e lanzaban o contido dos sacos á area da praia. Os gardapescas da confraría de San Telmo ou axentes da Policía Autonómica ou da Policía Local identificáronos ata sete veces durante ese verán realizando estas prácticas ilegais, segundo figura na sentenza.

En total, a cantidade de ameixa comisada polas autoridades superaba os 139 quilos de molusco, dos que máis de 73 quilos carecían das medidas permitidas para a súa venda. segundo a normativa establecida pola Xunta de Galicia. Os bivalvos recuperados foron outra vez trasladados ao mar por integrantes da confraría pontevedresa.