Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén (AMAVO), a asociación nacida nesta comarca para loitar a prol da xustiza social dende unha perspectiva feminista, iniciou a súa actividade cunha rolda de entrevistas cos alcaldes.
Na xornada do venres 27 estiveron cos rexidores de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, aos que presentaron os seus proxectos máis inmediatos. Para os próximos días xa teñen concertadas citas cos alcaldes de A Lama, Jorge Canda, e Soutomaior, Agustín Reguera.
Nas xuntanzas participaron Isabel Pregal, como presidenta do colectivo, acompañada de varias vocais, entre elas Maica Juncal, Vanesa Vilariño, Eva Fernández e Lorena Bello.
Amavo presentou o seu primeiro acto, que vaise celebrar o próximo domingo, día 6 de maio, na Casa de Cultura de Ponte Caldelas. Coincidindo co Día da Nai van desenvolver unha programación a partir das 18.30 horas que inclúe a súa presentación formal como asociación, a actuación do músico Manoele de Felisa e a inauguración da exposición "As nosas nais, nosas guías", que recolle fotografías de mulleres de toda a bisbarra tomadas, fundamentalmente, entre os anos 1930 e 1950.
Ademais, destacaron que un dos momentos máis emotivos será a homenaxe á traxectoria vital dunha muller procedente do Concello de Cerdedo-Cotobade, cuxa identidade será revelada proximamente.