Mulleres Diversas alza a voz polo 8M polas mulleres con discapacidade que viven no rural

Pontevedra
08 de marzo 2023

O colectivo publicou un vídeo en redes sociais no que denuncian os obstáculos que estas mulleres deben superar para realizar os seus labores cotiáns

Reunión do colectivo Mulleres Diversas para programar os seus actos para o 8M

Co gallo do 8M, o grupo de “Mulleres Diversas”, nado no ano 2016 no seo da Asociación Amizade coa misión do empoderamento das mulleres, especialmente das que presentan algún tipo de discapacidade, presenta este ano un vídeo no que pon de manifesto as dificultades as que teñen que enfrentarse decotío as mulleres con discapacidade que viven no rural.

Neste audiovisual pódese ver como Rosa vai atopando varios obstáculos e problemas de accesibilidade no seu camiño cara á perruquería máis cercana.

No medio rural atópanse con máis dificultades de accesibilidade nas infraestructuras, menor oferta cultural e de ocio, falta de accesibilidade á tecnoloxía e máis dificultades nos transportes públicos que se fai notar pola menor frecuencia do paso dos autobuses e no menor número de prazas para persoas con mobilidade reducida, entre outras.

Con esta intervención tamén queren poñer de manifesto a dificultade que supón a burocracia dixital obrigatoria. Moitos procedementos que antes eran presenciais, agora teñen unha obrigatoriedade dixital que, para persoas con menor capacidade de recursos, que non dispoñen de internet ou con dificultades cognitivas, impiden realizar este tipo de trámites. 

Segundo os últimos datos do INE (Instituto Nacional de Estatística) constan 125.030 mulleres con discapacidade en Galicia. Mais da metade destas mulleres teñen discapacidade física, seguida por discapacidade intelectual e sensorial.

"Estas mulleres teñen limitadas as súas posibilidades reais de participación a nivel global", remata a denuncia coa que desde Mulleres Diversas queren reivindicar o Día Internacional da Muller.