Un muller falece tras o choque entre un autobús e dous coches en Ribadumia

O Salnés
16 de marzo 2025
Actualizado: 22:23

O 112 Galicia afirma que non hai feridos entre os pasaxeiros do autocar, preto de medio centenar de excursionistas. O condutor que acompañaba á falecida atópase en estado grave

Accidente mortal na VG-4.2, en Ribadumia
Accidente mortal na VG-4.2, en Ribadumia TVG

Unha muller de 89 anos faleceu este domingo en Ribadumia tras rexistrarse un accidente de tráfico no que se viron implicados un autobús e dous turismos.

O accidente produciuse sobre as tres e media da tarde no quilómetro 2 da VG-4.2, segundo informou o 112 Galicia.

A vítima, que viaxaba como copiloto nun dos coches sinistrados, tivo que ser excarcerada do interior do vehículo, debido á violencia do impacto.

Tamén tivo que ser rescatado o condutor do turismo, que foi trasladado ao hospital, en estado grave, por un helicóptero medicalizado de Urxencias Sanitarias de Galicia 061.

O 112 Galicia afirma que non hai feridos entre os pasaxeiros do autocar, preto de medio centenar de excursionistas, aínda que varias persoas, que foron atendidas no lugar, acabaron sendo derivados a centros sanitarios tras sufrir ataques de ansiedade.

Os tres ocupantes do segundo coche implicado, pola súa banda, sufriron  feridas leves e tamén foron trasladados ao hospital.

Até o lugar, para intervir no accidente, acudiron efectivos do parque comarcal de bombeiros de Ribadumia e axentes da Garda Civil de Tráfico.

As autoridades investigan agora este accidente que, segundo as primeiras hipóteses, produciuse despois de que o coche no que viaxaba a falecida invadise o carril contrario de circulación.

O condutor do autobús, a pesar de manobrar para tratar de evitar o impacto, non puido impedir o choque contra o turismo.