O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, impartiu este mércores un seminario en Logroño no que asegurou que hai que eliminar clichés e mitos falsos sobre o tráfico urbano para poder actuar con determinación no deseño das cidades e recuperar o espazo público para as persoas.
'Elementos básicos do comportamento do tráfico urbano’, era o título deste seminario no que participou persoal político e técnico do Concello de Logroño, dos colexios de Enxeñeiría e de Arquitectura de La Rioja, tamén a directora da DXT, do departamento de Estradas do Goberno de La Rioja, e da Plataforma de Mobilidade da comunidade.
Na súa intervención o nacionalista subliñou que, en moitas ocasións, cando se propoñen modificacións na mobilidade das cidades pártese de premisas erróneas que poden perverter a toma de decisións políticas axeitadas, coartando cambios que beneficiarían ao conxunto da veciñanza. En concreto, Mosquera fixo referencia á necesidade de coñecer o concepto de "desaparición do tráfico" cando se limita ou corta o paso de vehículos nunha rúa.
Explicou que cando se restrinxe o tráfico nunha vía sempre xorde a pregunta de cara onde se desvía ese tráfico, cales son as vías alternativas polas que pasa a circulación, cando na realidade, explicou, "el flujo de vehículos no se desvía, sino que en la mayor parte, deja de existir".
O vicepresidente subliñou que hai datos corroborados de que en certas zonas o tráfico que existe "es de agitación", o dos coches que dan voltas buscando unha praza de aparcamento, que pode chegar ata o 90%, e de outra boa parte é tráfico non necesario de persoas que poderían facer o seu desprazamento camiñando.
Para Mosquera, ordenar eses tráficos innecesarios e de axitación supón "un favor a la persona que está enfadándose dando vueltas buscando la plaza imposible, y un favor a la ciudad porque la tranquiliza y se gana un espacio público". Explicou que en Pontevedra no conxunto da vila rebaixouse o tráfico máis do 50%, no primeiro anel dous terzos, e un 90% na parte histórica: "hubo un efecto absolutamente lógico a pesar de parecer contradictorio. A pesar de que parece lógico dar mayor capacidad a una vía para mejorar el tráfico, al reducirlo funciona muchísimo mejor. No hay retenciones", subliñou.
Antes de iniciar o seminario a comitiva pontevedresa foi recibida polo alcalde de Logroño, Pablo Hermoso de Mendoza, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Esmeralda Campos, e o concelleiro de Mobilidade Jaime Caballero.
Hermoso manifestou que o traballo feito en Pontevedra e pola Deputación de Pontevedra na provincia nos últimos anos é un "referente" para o traballo en Logroño.