Mosquera desvela que a Deputación ofreceu á Xunta rehabilitar conxuntamente o Pazo de Lourizán

Pontevedra
20 de febreiro 2017

O futuro do Pazo de Lourizán protagonizou este luns o debate do pleno municipal. Fíxoo tras a presentación por parte do PSdeG-PSOE dunha moción na que se instaba á Deputación a garantir o uso público do inmoble e rexeitar a súa cesión a Ence. Foi aprobada cos votos de BNG, Marea e os socialistas. Votaron en contra tanto PP como Cidadáns

Mosquera, xunto Carme Da Silva e María Rey, no pleno municipal Mónica Patxot

O futuro do Pazo de Lourizán protagonizou este luns o debate do pleno municipal. Fíxoo tras a presentación por parte do PSdeG-PSOE dunha moción na que se instaba á Deputación a garantir o uso público do inmoble e rexeitar a súa cesión a Ence. Foi aprobada cos votos de BNG, Marea e os socialistas. Votaron en contra tanto PP como Cidadáns.

Pero durante o debate desta moción, César Mosquera -vicepresidente da institución provincial- desvelou un aspecto que non transcendera da recente reunión entre Carmela Silva e Alfonso Rueda. Asegurou que a Deputación ofreceu á Xunta a posibilidade de colaborar economicamente na rehabilitación do Pazo de Lourizán.

O inmoble presenta, lembrou Mosquera, un problema de deterioración "gravísimo" pero non o suficiente como para que o goberno galego non poida facerse cargo da súa reforma. Pero antes de aceptar o diñeiro de Ence, dixo, o goberno provincial ofreceuse a financiar parte destes traballos.

En todo caso, o edil nacionalista reiterou que a Deputación non denunciará o convenio asinado no seu día coa Xunta, institución que manterá o seu dereito de uso máis aló do 2021 porque "sería absurdo" que os organismos que ocupan ese espazo tivesen que marchar. Iso si, o goberno galego non pode, reiterou, "facer unha cesión dunha cesión".

O portavoz do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, lamentou que o Pazo se atope nesta situación pola decisión "horrorosa" de prorrogar a permanencia de Ence na ría e acusou ao PP de actuar como "axentes comerciais" da empresa pasteira, unha compañía que "quere facer negocio" cun ben público e co visto e prace dos populares.

Fernández reiterou que a Xunta é, en virtude do convenio asinado coa Deputación, quen debe afrontar a rehabilitación do pazo e abandonar a súa actual "desidia". Ao PP, engadiu, "as cousas públicas non lle gustan" e, en canto teñen ocasión, "privatizan ou venden". Ademais, criticou a "ambigüidade" do BNG nesta materia.

Tras estas acusacións directas, o portavoz popular Jacobo Moreira quixo aclarar que o PP aposta porque o pazo manteña a súa titularidade pública. Explicou que a Xunta "non quere privatizar nada", senón tan só buscar financiamento privado para unha actividade pública "igual que se fai no Pazo da Cultura" cos patrocinios de empresas.

"Fan falta os fondos, hai unha empresa que os ofrece e lle vamos a dicir que non", denunciou Moreira, que lamentou o "veto" que se lle fai a unha empresa privada que quere investir en Pontevedra, neste caso, para resolver o problema dun espazo "totalmente degradado".

Desde Marea, a concelleira Mari Carmen Moreira cualificou de "neglixente" a actitude das administracións co Pazo de Lourizán pero, neste caso en concreto, asegurou que "se Ence quere gañar o aprecio dos veciños, que marche de Lourizán".

Pola súa banda, María Rey xustificou o seu voto en contra desta moción asegurando que Cidadáns prefire un pazo rehabilitado con fondos que achegue unha empresa privada a un inmoble que presente serias deficiencias polo seu mal estado de conservación.