Mosquera dá por feito o cambio no goberno provincial: "Sería unha sorpresa moi grande que non fora así"

Pontevedra
25 de maio 2015

O portavoz do Bloque sinalou a "oportunidade" que se abre para que esta administración funcione "dun xeito máis transparente, máis claro e ecuánime" polo que "sería moi raro" que non se aproveite, "pero non son eu a quen lle corresponde tomar esa decisión", engadiu Mosquera Lorenzo

César Mosquera, voceiro do grupo provincial do BNG Mónica Patxot

O actual portavoz do grupo do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosquera, dá por feito o cambio no goberno provincial. "Sería unha sorpresa moi grande que non fóra así", declarou.

O portavoz do Bloque sinalou a "oportunidade" que se abre para que esta administración funcione "dun xeito máis transparente, máis claro e ecuánime" polo que "sería moi raro" que non se aproveite, "pero non son eu a quen lle corresponde tomar esa decisión", engadiu Mosquera Lorenzo.

César Mosquera non se pronunciou sobre a posibilidade de que a socialista Carmela Silva, sexa a presidenta da Deputación tal e como confía o alcalde en funcións de Vigo e candidato do PSdeG, Abel Caballero. "Francamente, ao min o de entrar en candidatos, entrar en cábalas ou sudokus non me vai", dixo o portavoz do BNG.

"É unha señora que eu non coñezo", admitiu Mosquera ante os medios de comunicación para evitar un pronunciamiento claro sobre a número dous de Abel Cabaleiro. "Non sei nin que perfil, nin que intereses, disposición ou coñecemento ten da Deputación, nin que programa", apostilou.

O BNG entende que calquera negociación se entablará en base a programas e non será "unha guerra de persoas".

O actual portavoz espera que o enfrontamento vivido durante os últimos anos entre a Administración provincial e o Concello de Vigo, "non deixe secuelas que eviten ou dificulten un correcto funcionamento da Deputación".

Con respecto ao futuro, o sistema de elección de Deputación é "unha antigualla", é un proceso que arrinca unha vez que se constitúen as corporacións locais o 13 de xuño, polo que Mosquera pediu calma ante o "foco de rumores" que se xerou ante a posibilidade de acordos de goberno entre PSdeG e nacionalistas.

O deputado do Bloque recordou que "o noso posicionamiento de partida é que a Deputación ten que desaparecer".

"Si se mira unha foto da executiva do PP provincial resulta que sempre hai un número de funcionarios da Deputación bastante elevado", dixo César Mosquera, para engadir "hai unha simbiose bastante perversa que é lóxico que desapareza e creo que debemos dar un paso adiante".

César Mosquera sorriuse ante a pregunta de se o BNG estaría disposto a entrar no goberno da Deputación, e ante a insistencia dos xornalistas para que aclarase esta resposta tan só engadiu que "é unha decisión que non tomo eu, pero en todo caso a miña opinión é que papeliños en man e asinados de que se vai a facer e como se vai a facer", subliñou.

Arquivado en