Mosquera agarda que 50 concellos estén integrados no plan de compostaxe antes do final do mandato

Pontevedra
30 de outubro 2018

Doce concellos adheridos ao Plan Revitaliza contarán con mestres composteiros propios a partires de mediados do vindeiro mes de novembro, grazas á subvención da Deputación Provincial 

O vicepresidente da Deputación César Mosquera mantén un encontro cos novos "mestres composteiros" Deputación Provincial de Pontevedra

A Deputación decidiu ampliar o prazo para que se incorporen máis concellos ao Plan Revitaliza, co obxectivo de sumar máis municipios que traten por separado os residuos orgánicos.

Na actualidade son 36 os concellos que se atopan incluídos neste plan de compostaxe e o obxectivo do goberno provincial, segundo manifestou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, será alcanzar ao redor de 50 antes de que finalice o mandato en maio de 2019. Nas últimas semanas sumáronse os concellos de Cerdedo-Cotobade e Vila de Cruces.

Este martes, o vicepresidente anunciou que O Grove, Illa de Arousa, Cambados, Sanxenxo, Tomiño, Soutomaior, Moaña, Baiona, Mondariz, Ponteareas, As Neves e O Rosal serán os doce municipios que a partir de mediados do mes de novembro conten con mestres composteiros (MECOS) propios.

Estes especialistas formarán parte do persoal municipal e encargaranse da xestión dos centros de compostaxe comunitaria, ademais de ofrecer información aos residentes para que coñezan os detalles sobre o proceso de tratamento.

Desta forma, ademais do persoal técnico da Deputación, tamén haberá novos profesionais municipais que colaborarán na xestión do lixo na provincia dentro do Plan Revitaliza. 13 persoas resultaron adxudicatarias das prazas interinas para os concellos. Outras 13 permanecerán nunha lista de espera. 

Os concellos adheridos con máis de 20.001 habitantes poderán contar cun máximo de catro traballadores. Aqueles que conten cunha poboación de entre 10.001 e 20.000 habitantes dispoñerán de tres traballadores; un menos nos de 5.001 a 10.000 habitantes e a Deputación contempla un traballador destinado a este servizo no caso de municipios de menos de 5.000 veciños. 

A Deputación farase cargo do 100% do soldo e da Seguridade Social durante este 2018; do 50% en 2019 e do 30% en 2020. O obxectivo, segundo explicou Mosquera, é que se descentralice da Deputación a xestión destes residuos para que a vaian asumindo os distintos gobernos locais.

Desde a institución provincial lembran que, segundo a normativa europea, a partir de 2020 se debe tratar por separado a totalidade destes residuos orgánicos ou se someterán a sancións.