Mosquera acusa a Domínguez de "desfacer todo o feito" e actuar de "destroyer" co Museo e Santa Clara

Pontevedra
03 de outubro 2023

A decisión de Rafa Domínguez, responsable político do Museo de Pontevedra en calidade do vicepresidente da Deputación, de paralizar a reforma de Santa Clara e anular o concurso internacional convocado polo anterior goberno provincial non sentou ben no Concello

Rafa Domínguez e César Mosquera Mónica Patxot

A decisión de Rafa Domínguez, responsable político do Museo de Pontevedra en calidade do vicepresidente da Deputación, de paralizar a reforma de Santa Clara e anular o concurso internacional convocado polo anterior goberno provincial non sentou ben no Concello.

"Desfacer todo o feito e actuar de destroyer é a liña de traballo do señor Domínguez", lamentou o edil César Mosquera, impulsor do proxecto inicial para Santa Clara, que considera que "quere converter o Museo nunha dependencia xestionada directamente polo PP".

Tras acusar a Domínguez de estar a exercer como "director efectivo" do Museo, Mosquera censurou que "non quere que haxa unha dirección con peso e proxecto para controlalo" ou que se tomaron decisións importantes sen redactar antes un novo proxecto museístico. 

Desde o Concello reiteran que "isto é unha desculpa para dar a dedo o proxecto de Santa Clara e parar todo veremos ata cando", porque o concelleiro do BNG sostén que o anteproxecto gañador podíase reformular para introducir cambios en lugar de anulalo.

"Cambios xa ía a haber porque Patrimonio dixo que había que facelos", sostivo César Mosquera, polo que o dito por Rafa Domínguez veo como "desculpas de mal pagador" que, ademais, poden meter á Deputación en disputas legais cos gañadores do concurso.

Mosquera reiterou que, nestes momentos "por obriga legal", a prioridade do Museo é acondicionar unha estancia para acoller todos os restos arqueolóxicos que aparecen nas escavacións da provincia e que, actualmente, "están ciscados en naves e concellos".

"Pois que non vaia alí o de aqueoloxía e xa está, pero o resto do proxecto que problema hai?", preguntouse o ex responsable político do Museo, que considera que esta decisión pon en risco que todos os achados atopados en Santa Clara poidan quedar no convento.

O concelleiro pontevedrés lamentou que Rafa Domínguez chegase ao Museo cunha "idea predeterminada" para que "ninguén me faga sombra e o Museo o gobernamos politicamente", xa que todas as medidas que foi adoptado "van nesa dirección".

A este respecto, César Mosquera teme que a rehabilitación dos edificios fundacionais do Museo, que recibiron máis de tres millóns de euros de fondos europeos, siga o mesmo camiño que Santa Clara e esta actuación tamén acabe sendo paralizada.