Para o Partido Popular os dous últimos anos de goberno do BNG en Pontevedra "son dos años perdidos" para a cidade, por culpa dun alcalde "atrincherado" e dun executivo "descoordinado" que lle preocupan "otras cousas" e non os intereses dos seus veciños. É o resumo que fai o portavoz popular, Jacobo Moreira, ao cumprirse o ecuador do mandato.
"Si Lores estuviera orgulloso haría él mismo un balance, pero lo que hizo fue un cambio de gobierno", asegurou Moreira nunha rolda de prensa na que lamentou que os únicos logros "que puede vender" o Concello nestes dous anos sexa unha "explanada" para autocaravanas e un "banco corrido" na Ferrería.
Xunto con compromisos que "quedaron en nada", o portavoz do PP criticou que o rural pontevedrés "siga teniendo los mismos problemas", que as obras estean "bloqueadas" pola "ausencia" de Luís Bará ou que asuntos "capitales" para o municipio como o PXOM ou o transporte urbano non se resolveron.
A iso sumou unha xestión municipal baseada en "prorrogar contratos y privatizar servicios" e unha política económica na que o orzamento "no se ejecuta" e os impostos non se reducen, a pesar de contar cun superávit que pasa os cinco millóns de euros.
Pontevedra tampouco logrou, destacou Moreira, sacar proveito á Deputación, unha institución que "da la espalda" á cidade. Neste pacto de goberno, dixo, o BNG "se confirmó con el caramelo" da compostaxe "con el que están entretenidos", a pesar de que por agora se trata dun proxecto que está "en pañales".
Así, criticou o estado no que se atopan proxectos como a Rolda Leste, o novo acceso a Monte Porreiro ou o saneamento dos Gafos. O goberno de Lores, engadiu o portavoz do PP, tamén "bloquea" compromisos doutras administracións como a ampliación de Montecelo, algo que "no es serio".
Os populares cren que os dous próximos anos non serán mellores porque o alcalde "no da más de sí" e o seu goberno está "amortizado". Iso si, Moreira advirte que "no nos parece mal que Lores se jubile pero eso no significa que también se tenga que jubilar el futuro de Pontevedra".