Moraña repartirá 1.725 euros en premios no seu concurso do Entroido 2020

Umia
07 de febreiro 2020

O Concello de Moraña xa ten organizado o programa de actividades do Entroido 2020, que incluirá o tradicional desfile de disfraces polas rúas do núcleo urbano de Santa Lucía cun concurso no que se repartirán 1.725 euros en premios e unha festa infantil no Mércores de Cinza 

Desfile do Entroido 2015 en Pontevedra (III) Diego Torrado

O Concello de Moraña xa ten organizado o programa de actividades do Entroido 2020, que incluirá o tradicional desfile de disfraces polas rúas do núcleo urbano de Santa Lucía cun concurso no que se repartirán 1.725 euros en premios e unha festa infantil no Mércores de Cinza.

O desfile de Entroido está organizado para o domingo 23 de febreiro dende as 17.00 horas e estará amenizado pola Banda de Música Nova Lira de Moraña. Rematará cunha degustación gratuíta de orellas para todos os asistentes por convite do Concello.

O certame de disfraces repartirá un total de 13 premios, tres na categoría individual (80, 55 e 40 euros, respectivamente), parellas (110, 80 e 55 euros), grupos (180, 125 e 100 euros) e comparsas (300, 275 e 225 euros). Tamén haberá un premio especial de 100 euros de carácter único co que se distinguirá ao disfraz máis divertido de entre todas as categorías.

As comparsas que estean compostas por 15 ou máis membros do Concello de Moraña recibirán unha axuda económica de 150 euros pola participación. Para recibila, deberán inscribirse ata o venres 21 de febreiro ás 21.00 horas na Biblioteca Municipal ou a través do teléfono 986 552 809 presentando a relación completa de todos os seus compoñentes.

Os demais participantes no desfile e no concurso deberán inscribirse na rúa 5 o mesmo día do desfile antes das 16.45 horas ou na biblioteca ata o venres 21.

A programación tamén incluirá unha actividade específica para os cativos cunha festa infantil de disfraces que se celebrará o Mércores de Cinza, 26 de febreiro, no pavillón municipal dende as 17.00 horas con xogos e animación musical a cargo do DJ Javi Solla.

Arquivado en