Moraña reforza o Servizo de Axuda no Fogar pola crise do coronavirus e suma sete novos usuarios

Umia
16 de abril 2020

Na actualidade o servizo ten xa 46 beneficiarios no municipio e, ante a actual situación, que incrementa as necesidades de atención a maiores e dependentes, o Concello está avaliando novos expedientes para seguir estendendo este servizo  

Xuntanza da alcaldesa de Moraña coas traballadoras do SAF Concello de Moraña

O Concello de Moraña optou por reforzar a atención do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no marco da actual crise sanitaria do coronavirus en case un 20% e nas últimas semanas incorporou sete novos usuarios.

Na actualidade o servizo ten xa 46 beneficiarios no municipio e, ante a actual situación, que incrementa as necesidades de atención a maiores e dependentes, o Concello está avaliando novos expedientes para seguir estendendo este servizo.

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, a Xunta de Galicia concedeu un incremento de horas de atención a dependentes que permitiu este aumento de usuarios e que aínda teñan obras libres para atender algún máis que xurda nestas semanas. Trátase de 1.227 horas extraordinarias de atención gratuíta con motivo da crise sanitaria do coronavirus.

Con este incremento, o Concello pode atender os usuarios de centros de día agora pechados, aos que se lles está rematando a avaliación dos seus expedientes por parte de Servizos Sociais.

A alcaldesa, Luisa Piñeiro, destaca que nunha grave crise sanitaria e social coma esta "a atención a maiores e dependentes é máis prioritaria ca nunca para que ninguén quede atrás".