Algo máis de 742.000 euros é o que prevé investir o Concello de Moraña para impulsar un ambicioso proxecto que permitirá completar a renovación de todo o alumeado público nas nove parroquias do municipio.
O alcalde, Sito Gómez, avanzou que a actuación xa foi aprobada polo goberno municipal co obxectivo de que o cambio de centos de puntos de luz do rural comece nas vindeiras semanas.
En concreto, contémplase a modernización de 43 instalacións coa substitución de 1.423 puntos de luz por luminarias de tecnoloxía LED, a colocación de novos cadros de telexestión para favorecer a regulación e o cambio de parte do cableado.
O proxecto está "perfectamente deseñado", segundo destacou o alcalde, xa que se realizaron estudos a pé de campo por parte dos servizos técnicos "para que non se escape ningún detalle, se corrixa calquera deficiencia que haxa e se atendan as necesidades dos veciños".
Moraña conta con 61 instalacións de alumeado público e, ao longo dos anos anteriores, xa se renovaran dezaoito, polo que con este proxecto quedará todo o sistema modernizado.
O obxectivo das melloras enerxéticas de alumeado é incrementar a luminosidade das rúas, prazas, pistas e espazos públicos, optimizar a eficiencia enerxética desta rede, reducir as emisións contaminantes e diminuír a factura eléctrica do Concello.