Moraña entrega aos veciños trampas para a vespa velutina

Umia
20 de maio 2019

O Concello ten elaborado un mapa coas zonas de maior incidencia despois de ter retirado máis de 150 niños durante o ano pasado

Trampa para vespa asiática Concello de Sanxenxo

O Concello de Moraña acaba de emprender unha campaña de loita e erradicación da vespa velutina que está centrada, máis alá da retirada directa dos niños, na entrega gratuíta de trampas aos veciños interesados. Aqueles cidadáns que queiran instalar algún destes sistemas de captura en zonas onde se asente esta especie invasora deberán presentar a correspondente solicitude e xa poderán retiralo no consistorio.

Deste xeito, o Concello pretende dar cobertura á demanda e inquedanzas dos cidadáns ante a presenza da velutina e os problemas ambientais que causa e, ao mesmo tempo, aproveitar a súa colaboración para tratar de erradicar esta especie. 

Dende o Concello estase a xestionar, tal e como se fixo en anos anteriores, a retirada dos niños desta vespa cando se producen avisos. Nembargantes, este ano, ao igual que están a facer outros municipios, preténdese actuar con antelación con estas trampas, que poden capturar moitas destas velutinas, especialmente as raíñas, o que evitará a conformación de novos niños.

O Concello xa ten elaborado un mapa no que se rexistran as zonas de maior incidencia desta especie no municipio despois de certo tempo de control desta vespa e de que, só no pasado exercicio, se retiraran máis de 150 niños en todo o territorio.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, quixo agradecer a colaboración dos moitos veciños que solicitan estas trampas e indicou que, ante o problema ambiental que supón esta especie, o Concello vai entregar gratuitamente estes sistemas de captura, "xa que redundará no beneficio de todos".

Arquivado en