Moraña e Portas inician dous módulos de Forestal e Albanelería para xente nova

Umia
02 de setembro 2024

A segunda edición desta iniciativa permitirá formar a 16 persoas desempregadas nos módulos de Forestal e Albanelería e realizar unha decena de actuacións en sendas, zonas verdes e edificios municipais

Obradoiro de Emprego Concello de Valga

O Concello de Moraña, en colaboración cos municipios de Portas e Valga, vai comezar ao longo do presente mes de setembro as actividades formativas do Obradoiro de Emprego Xuvenil, que vén de ser aprobado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta cunha achega económica de 438.603 euros.

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, anunciou que o Concello vai realizar esta mesma semana o proceso de selección de persoal e de alumnos-traballadores para contratar a 16 persoas desempregadas que se distribuirán nos módulos de Forestal e Albanelería -con 8 cada un- para aprender un oficio e mellorar a súa empregabilidade e, paralelamente, para abordar durante as súas prácticas a execución de melloras de sendas, zonas verdes e edificios municipais.

"Para nós estes obradoiros son fundamentais e así o demostran os exitosos resultados que arroxan ano tras ano, xa que afortunadamente, e polo traballo ben feito, sempre nolos conceden. E digo que son de gran importancia, xa que misturan perfectamente os ámbitos do emprego co dos investimentos, co cal acábanse beneficiando todos os veciños e abranguen dúas áreas estratéxicas para concellos rurais e de interior coma o noso", manifestou o rexedor local.

Os alumnos do módulo Forestal aprenderán tarefas de conservación e mantemento de montes, repoboacións e tratamentos selvícolas, mentres que os de Albanelería adquirirán coñecementos sobre urbanizacións, cubertas, revestimentos, teitos e realización de obras en xeral.

E todo elo, plasmarase, ademais de na adquisición de formación teórica, na realización de distintos traballos que permitirán acondicionar sendas no Buelo, A Chociña, Santa Margarida, Amil, Rebón, San Lourenzo, Saiáns e Gargantáns, a Vía Mariana Luso-Galaica, a explanada de Mos, a Carballeira de Santa Lucía e ata nove parques infantís do municipio a cargo dos alumnos da especialidade de Forestal.

Ademais, no caso do módulo de Albanelería, os seus participantes encargaranse da execución de obras e o acondicionamento do pavillón do CPI Plurilingüe Santa Lucía e da antiga casa do mestre da Penagrande co obxectivo de que estean nas mellores condicións para ser empregados polos veciños de Moraña.