O BNG convocou para este domingo 20 dúas protestas nos municipios de Caldas e Soutomaior coa intención de denunciar o desmantelamento da Atención Primaria na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés que, segundo expoñen, está realizando o Partido Popular desde a Xunta de Galicia.
Montse Prado, portavoz da formación nacionalista na área de sanidade, comparecía acompañada por deputados como Luís Bará e representantes da formación dentro da comarca, para manifestar a preocupación existente debido á situación da área sanitaria con falta de persoal nos Puntos de Atención Continuada e carencias continuas nas que é habitual, segundo a parlamentaria, atoparse co cartel de "non hai médico".
Considera que a área sanitaria se converteu no "banco de probas" do PP para desmantelar a sanidade pública ao sumar meses sen profesionais precisos para atender as demandas da poboación ao non cubrirse as prazas vacantes. Explicou que en Concellos como A Illa de Arousa, Cuntis, Ribadumia, Moraña, Portas e O Grove permanecen de maneira permanentemente sen pediatra.
Prado denuncia a improvisación e a traxectoria de "ocorrencia en ocorrencia" que caracteriza ao PP na estratexia e planificación para dar resposta aos problemas sanitarios. Neste sentido lamentou que os profesionais se estean multiplicando a cambio de pagarlle un complemento por asumir máis horas de traballo e tamén criticou a utilización da "mentira permanente" por parte do conselleiro de Sanidade de que se incorporan facultativos a atención primaria, cando sinalan que só se cambiou a súa situación laboral pasando de eventuais a fixos, pero sen que se incrementen as prazas.
Tamén cualificou como unha "barbaridade" que se realice unha formación acelerada a profesionais de enfermería coa intención de que atendan só a urxencias que cheguen aos PAC cando non haxa médicos seguindo indicacións telefónicas. Neste sentido reclama equipos de profesionais que poidan atender as urxencias en boas condicións. Na mesma liña, agradeceu a implicación do persoal de Enfermería porque, a pesar de estar nunha situación de prestación de asistencia en condicións adversas e precarias, buscan solucións para a cidadanía.
Reclamou unha aposta pola Atención Primaria e evitar o colapso actual, acusando ao PP de empuxar á poboación cara á sanidade privada. Desde o BNG consideran necesario que se adopten medidas estruturais baseadas na retención de profesionais sanitarios que se forman en Galicia "e que seguen marchando en desbandada"; facer ofertas con condicións laborais dignas; reforzar todas as categorías profesionais porque hai persoal nas listas de contratación; incorporar novas categoríuas como a de psicoloxía clínica ou terapeutas ocupacionais; e aumentar o orzamento sanitario para que o problema non o asuman os profesionais cun "sobreesforzo continuo".
Achacou ao xerente José Flores que estea dedicándose a xustificar a situación actual en lugar de buscar solucións e Montse Prado alertou de que "estamos ante a primeira xeración que vai ter peor sanidade que a anterior"
Iván Bello, responsable comarcal do BNG, indicou que as manifestacións previstas para o domingo comezarán en Caldas ás 12.00 horas, con saída da Prazuela; e en Soutomaior iniciarase ás 12.30 horas, con saída desde o cruzamento de Pierres (Arcade). Ademais, apoian as concentracións organizadas por SOS Sanidade Pública, como a prevista en Sanxenxo este domingo ás 12.00 horas diante do Centro de Saúde de Baltar.