Montse Prado, candidata do BNG, pide a anulación das "taxas abusivas" de Portos de Galicia ás terrazas

Vilaboa
17 de xuño 2020

A candidata do Bloque mantivo un encontro con representantes do sector hostaleiro e acusa a Portos de Galicia de levar a cabo unha "manobra especulativa" ao cobrar dez veces máis que os Concellos pola instalación de terrazas en zonas portuarias

Porto deportivo de Combarro Juan Mejuto

Representantes do sector da hostalería de Poio, O Grove, Moaña, Nigrán, A Guarda, Fisterra ou Ribeira con establecementos situados en espazos portuarios mantiñan este mércores un encontro telemático con Montse Prado, candidata do BNG pola provincia para coñecer as súas demandas ao entender que se trata dun dos sectores máis prexudicados pola crise da Covid-19.

A representante nacionalista considera "incomprensible" que a Xunta de Galicia, a través da institución Portos de Galicia, en lugar de anular as taxas mentres duren os efectos económicos provocados pola pandemia manteña a cobranza e incremente a recadación aos empresarios cando solicitan un maior espazo para instalar as terrazas e, desta forma, manter as distancias de seguridade.

Prado cualifica as taxas que cobra Portos de Galicia como "abusivas" ao chegar a superar ata en dez veces as que establecen os municipios. Por este motivo, insta os representantes desta institución que anulen as taxas de ocupación ata que se normalice a actividade económica.

Entende que Portos de Galicia, baixo a postura do Partido Popular, móvese por "puro afán desmedido" por facer caixa e por unha "falta total de diálogo" co colectivo afectado e que, en moitos casos, pode verse obrigado ao peche.

O BNG DE VILABOA RECLAMA A TRANSFERENCIA DA N-554

Pola súa banda, o BNG de Vilaboa inicia este mércores a precampaña electoral cunha acción reivindicativa na N-554 á altura do centro do Toural. 

Solicitan a transferencia da estrada nacional á Xunta de Galicia da estrada que atravesa o municipio, tal e como veñen reclamando con iniciativas parlamentarias desde o 2008 no Congreso dos Deputados.

Trátase dunha estrada que non alcanza os 10 quilómetros de lonxitude e afecta a varios núcleos de poboación nas parroquias de Santa Cristina e San Adrián de Cobres, así como na de Vilaboa. 

Aseguran que a actual regulación do tráfico nesta vía impide a actividade normal das persoas que residen na contorna e das actividades agrarias. A veciñanza vese obrigado a acudir a unha rotonda para poder acceder a comercios de alimentación, entidades bancarias ou aos centros de ensino. 

Sinalan, ademais, que ante a subida de peaxes, numerosos vehículos que circulaban antes pola AP9 agora deciden desprazarse por esta contorna aumentando o tráfico. Por este motivo, piden que as competencias desta estrada sexan asumidas pola Xunta e que se actúe para facilitar a comunicación entre a veciñanza e os establecementos de Vilaboa.