Montecelo contará en 2023 cunha sala exclusiva de hemodinámica para control cardiovascular por cateter

Pontevedra
09 de novembro 2022

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, visitaba este mércores o Hospital de Montecelo onde deberá instalarse este novo equipo valorado en 800.000 euros antes de setembro do vindeiro ano. O máximo representante da saúde en Galicia afirmou que o hospital pontevedrés recibirá un total de oito novos equipamentos que suporán un investimento de nove millóns de euros

Visita de Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, á área de Coronarias de Montecelo Sergas - Xunta de Galicia

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, visitaba este mércores o Hospital Montecelo para percorrer a Unidade de Coronarias e a planta de Ecocardioloxía. Neste departamento instalarase un equipo de hemodinámica valorado en 800.000 euros.

O conselleiro, que estivo acompañado polo xerente José Flores Arias e por xefa do servizo de Cardioloxía, Eva González Babarro, explicou que esta incorporación, que deberá realizarse antes de setembro de 2023, permitirá crear unha sala exclusiva de hemodinámica. Esta actuación realízase con fondos europeos Next Generation para renovar a alta tecnoloxía sanitaria, dentro da partida orzamentaria da Xunta en 2022 completada con fondos propios.

Estes fondos permitirán licitar oito equipos por máis de 9,4 millóns de euros no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Segundo explico García Comesaña, tres son renovacións de equipamento: dous novos TAC, un deles con tecnoloxía espectral e unha resonancia magnética. Os outros cinco equipos son ampliacións.

Desta forma está previsto que se poñan en marcha os novos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear, departamentos aos que se incorporará o equipamento de dous aceleradores lineais para Radioterapia e un TAC de planificación para Medicina Nuclear, que contará tamén cunha gammacámara que está pendente de adxudicación.

A intención da Xunta de Galicia é, segundo o conselleiro, ter listo o máximo equipamento dispoñible para poñer en marcha o Gran Montecelo, unha obra á que se destinan case 64 millóns de euros nos orzamentos da administración autonómica do próximo ano, segundo lembrou García Comesaña.

IMPORTANTE MELLORA PARA O SERVIZO DE CARDIOLOXÍA

A xefa do servizo de Cardioloxía, Eva González, explicou que a hemodinámica é unha subespecialización da cardioloxía na que se utilizan catéteres introducidos en veas e arterias que permiten chegar ao corazón e obter datos anatómicos e, en ocasións, funcionais de como se atopan as arterias, as cavidades, válvulas e mesmo as presións na vasculatura pulmonar ou na aorta do paciente.

Toda esta información, explicou a doutora, é fundamental para tratar á maioría dos pacientes que acoden a diario á consulta e permite saber se existe ou non enfermidade cardíaca, a súa extensión e a súa gravidade para decidir o tratamento idóneo.

Na actualidade, o Hospital Montecelo só dispón dunha sala con hemodinámica que corresponde a Radioloxía cateterista e que é utilizada unicamente dous días á semana polo servizo de Cardioloxía. Por este motivo, Eva González sinalaba que dispoñer dunha sala propia permitirá lograr máis precisión nos diagnósticos e no tratamento de cada paciente, ademais de reducir as demoras actuais tanto en patoloxías crónicas como agudas.

Tamén se evitaría o traslado de pacientes a outros centros sanitarios para o sometemento de probas, xa que na actualidade o servizo é incapaz de realizar máis do 50% dos cateterismos e vese obrigado a derivar aos pacientes a outros espazos sanitarios.

Este equipamento, engadiu, tamén permitirá unha mellora no conxunto do servizo de Cardioloxía co incremento do número de técnicas de imaxes e ampliación de procedementos na unidade de coronaria e en coidados intensivos. 

Sobre o problema actual de demora nas consultas de Cardioloxía, a xefa do servizo sinalou que está a influír moito a falta de médicos en Atención Primaria xa que moitas das patoloxías de pacientes crónicas son derivadas para o seu seguimento aos facultativos dos centros de saúde. Neste sentido espera que a incorporación de novo persoal permita que se poidan dar altas derivándoas a Atención Primaria para poder recibir novos pacientes no servizo de Cardioloxía.