Monte Porreiro, punto de partida do PSOE provincial cara ás próximas eleccións municipais

Pontevedra
26 de xuño 2021

Apenas se superou a metade da lexislatura pero o Partido Socialista mira xa cara á próxima cita electoral a nivel local. Así o resaltou na reunión do seu Comité Provincial celebrado este sábado nos xardíns da UNED en Monte Porreiro

Comité provincial do PsdeG-PSOE nos xardíns da UNED PSdeG-PSOE

Apenas se superou a metade da lexislatura pero o Partido Socialista mira xa cara á próxima cita electoral a nivel local. Así o resaltou na reunión do seu Comité Provincial celebrado este sábado nos xardíns da UNED/UNED en Monte Porreiro.

O máximo órgano de decisión dos socialistas na provincia fixou como obxectivo reeditar os seus resultados de 2019, cando as súas candidaturas alcanzaron case 200.000 votos e 23 alcaldías na provincia de Pontevedra.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, fixo un chamamento aos case 3.000 militantes pontevedreses do seu partido "para acordar e sumar sempre, sen restar a ninguén" nos procesos orgánicos que se esperan en próximas datas.

Tamén tomou a palabra a presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalando que "sinto orgullo polo que fixemos pola transformación desta provincia en só seis anos, desde as alcaldías e desde a Deputación"

Silva defendeu a posición do seu partido en políticas de progreso, cun "discurso propio e moi diferente ao dun Partido Popular e unha Xunta que ven a esta provincia como un territorio inimigo, en lugar de vela como o que é, o motor económico de Galicia". 

Pola súa banda o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, pechou o acto con alusións a diferentes cuestións. Entre elas a igualdade, esixindo a Alberto Núñez Feijóo que deixe de "renegar" e de "atacar" á igualdade entre mulleres e homes dando "o seu beneplácito a alcaldes condenados por ataques machistas", sinalou en referencia ao alcalde de Vilanova, condenado por chamar 'chacha para todo' á presidenta provincial.