Monte Porreiro e Campolongo, primeiras áreas urbanas en completar o sistema de compostaxe

Pontevedra
26 de decembro 2017

O sistema de compostaxe que está comenzado a implantar o Concello de Pontevedra dará nas próximas semanas un "importante" paso adiante. Monte Porreiro e Campolongo serán as primeiras áreas urbanas onde se completará o despregamento de composteiros necesarios para que os seus veciños adopten esta reciclaxe de residuos orgánicos

Os escolares do Marcos da Portela plantan árbores co compost de Monte Porreiro
Os escolares do Marcos da Portela plantan árbores co compost de Monte Porreiro / Mónica Patxot

O sistema de compostaxe que está comenzado a implantar o Concello de Pontevedra dará nas próximas semanas un "importante" paso adiante. Monte Porreiro e Campolongo serán as primeiras áreas urbanas onde se completará o despregamento de composteiros necesarios para que os seus veciños adopten esta reciclaxe de residuos orgánicos.

Para iso, ademais dos composteiros comunitarios que se instalaron grazas ao Plan Revitaliza da Deputación, o goberno municipal aprobou a compra de 300 módulos de compostaxe, que se colocarán nos dous barrios.

O Concello investirá 172.425 euros na compra destes centros de compostaxe, segundo aprobou este luns a Xunta de Goberno.

Esta adquisición permitirá, segundo a portavoz do goberno, Anabel Gulías, que a compostaxe "sexa unha realidade" en dous dos principais barrios da cidade.

En Monte Porreiro, os composteiros comunitarios instalados no barrio xa produciron o seu primeiro compost, reutilizado nas zonas verdes e xardíns da zona; mentres que en Campolongo o Concello e os veciños xa acordaron as primeiras localizacións para estes centros de compostaxe.

OUTROS ASUNTOS

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a segunda prórroga do convenio entre o Concello e Fanpa Pontevedra, valorado en 210.000 euros anuais, para financiar entre outras actividades o Plan Madruga e os comedores escolares.

Na área social tamén se aprobou contratar o terceiro plan de igualdade municipal, no que se investirán 36.000 euros que proceden dunha subvención da Xunta de Galicia.