No Monte Castrove non queren un parque eólico "nin en ningún outro punto de Poio"

Poio
13 de novembro 2024
Actualizado: 11:13

O visto e prace da Xunta ao proxecto de parque eólico no Monte Castrove provocou numerosas reaccións negativas

Simulación por ordenador de como quedaría a instalación eólica proxectada

O visto e prace da Xunta ao proxecto de parque eólico no Monte Castrove provocou numerosas reaccións negativas.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático fixo pública a declaración de impacto ambiental, que conclúe que este parque é "ambientalmente viable".

A promotora, a sociedade Parque Eólico Cadaval y Ventoso, S.L reduciu a tres os aeroxeradores, con altura de 150 metros e diámetro de rotor de 170. A todo iso hai que engadir outras construcións, como a apertura de viais, pistas, drenaxes, escavacións, creación dunha subestación eléctrica e novos tendidos, dous tramos aéreos e outros dous soterrados que afectan aos concellos de Poio, Pontevedra, Meis e Barro.

Ante esta decisión o Concello de Poio reiterou o seu rexeitamento. O goberno local recordou que a declaración de impacto ambiental é un trámite técnico contra o que non cabe recurso e non implica a autorización de construción do parque.

Dende o equipo de goberno do alcalde Ángel Moldes subliñan que a postura do Concello segue sendo a mesma: "Nin o Monte Castrove nin ningún outro punto de Poio son o lugar para ese proxecto", polo que aseguran que seguirán a traballar "con todas as ferramentas dispoñibles en cada momento" e anuncian que recorrerán "contra calquera resolución que poida facer avanzar o proxecto e que admita recurso".

Nos próximos días convocarase unha xunta de voceiros para informar do estado do procedemento e consensuar as medidas a tomar "de modo que Concello, forzas políticas, colectivos e veciños" sigan amosando unha imaxe unida fronte a este proxecto.

Tamén a Comunidade de Montes Veciñais de Man Común de Campañó manifestou a súa "firme oposición" a esta proposta que, segundo sosteñen, "non cumpre cos criterios fundamentais para asegurar un desenvolvemento equilibrado e respectuoso coa contorna e a calidade de vida dos nosos veciños".

Motivan a súa negativa en cuestións como o impacto ambiental negativo, a afectación á paisaxe e ao turismo, a desinformación e falta de consulta pública adecuada, os riscos para a saúde e o benestar ou a existencia de alternativas enerxéticas máis apropiadas.