Montalvo acollerá a XXIII Feira Gastronómica de Produtos Galegos

Sanxenxo
30 de xullo 2024

A parroquia de Arra volve acoller este fin de seman esta feira, organizada pola Asociación Cultural San Cayetano, na chaira da praia de Montalvo

Presentación da XXIII Feira Gastronómica de Produtos Galegos Concello de Sanxenxo

A parroquia de Arra volve acoller este fin de seman XXIII Feira Gastronómica de Produtos Galegos, organizada pola Asociación Cultural San Cayetano, na chaira da praia de Montalvo. 

Baixo a gran carpa poderá degustarse churrasco, arroz, empanada, mexillóns, lagostinos, vieiras, zamburiñas, polbo… a prezos que non excedan os 14 euros.

O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, acompañado do presidente da Asociación San Cayetano de Arra, Bruno Vidal, presentaron este martes o cartel da cita gastronómica e a do certame de pintura ao aire libre. 

A apertura dos postos de degustación realizarase este venres, ás 12:30 horas do mesmo xeito que os postos de artesanía. Ás 23 horas os presentes poderán gozar coa actuación do grupo musical Rockandprol. O sábado, á mesma hora, volverán abrirse os postos e as 22 horas comezará o IX Serán dos Loureiros coa actuación do grupo folclórico Soalleira e Os Gatiños de Portonovo. Ás doce da noite, haberá degustación gratuíta de queimada.

A oferta culinaria continuará o domingo, unha xornada na que se celebrará o IX Certame de Pintura Rápida "Arra como Antiga Parroquia". O prazo de inscricións para participar mantense aberto e repartiranse 4.600 euros en premios en metálico entre os finalistas.