Moldes confía en que a 'nova' Escola de Cantería sexa un "referente" en toda España

Poio
22 de xullo 2023

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, considera unha "gran noticia" que se completara o traspaso da Escola de Cantería, que xestionaba a Deputación de Pontevedra, á Xunta de Galicia, que a vai a converter nun centro integrado de FP

Escola de Cantería Mónica Patxot

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, considera unha "gran noticia" que se completara o traspaso da Escola de Cantería, que xestionaba a Deputación de Pontevedra, á Xunta de Galicia, que a vai a converter nun centro integrado de FP.

"Esto abre unha nova oportunidade para o noso concello, para o alumnado e para a propia escola", destacou Moldes, que se mostra convencido que coa súa nova configuración este centro será un referente en Galicia e en toda España.

O rexedor aplaude así a decisión do goberno galego, que tomou o acordo no último Consello da Xunta e que planifica para o centro deste municipio desenvolver de xeito gradual as especialidades de construción, canteiría e restauración. 

Subliña que "é o momento de que a Escola de Cantería de Poio recupere a importancia que tivo" e sexa un referente de ensinanza profesional, tanto en cantería, como en restauración e construción, "sectores cunha demanda moi alta de formación profesional. 

Ademais, o alcalde recorda que esta, precisamente, era unha reclamación que viña facendo o alumnado nos últimos anos, que as ensinanzas estivesen homologadas cun título de formación profesional e poder optar así a postos de traballo á altura dos seus coñecementos e experiencia.