Modifican o Peprica para conectar polo subsolo os edificios históricos do Museo

Pontevedra
19 de xaneiro 2021

Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo e de Patrimonio Histórico, anunciou a modificación tamén do artigo 86 do Plan Especial de Proteccón e Reforma Interior e Conservación Artística de Pontevedra (PEPRICA) para adaptarse á Lei autonómica e que, deste xeito, poidan autorizarse algunhas actuacións nos interiores de edificios tanto públicos como privados do centro histórico

Edificio García Flórez do Museo de Pontevedra Juan Mejuto

Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, anunciaba que este martes durante a comisión de Ordenación  do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente dábase conta da modificación puntual de catro fichas do PEPRICA (Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística de Pontevedra) para poder rehabilitar os edificios García Flórez, Fernández López e Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra.

Este conxunto de edificios históricos conta con dous dos inmobles (García Flórez e Castro Monteagudo) en desuso debido a que carecen das condicións de accesibilidade e de conservación que permitan as visitas. A opción proposta para que se resolva a accesibilidade é a creación dunha conexión soterrada entre os tres edificios da mazá, xa que no exterior non se poden realizar cambios ao tratarse de dous inmobles considerados bens de interese cultural e outro deles conta coa máxima protección monumental. 

Coa modificación das fichas do PEPRICA poderase utilizar o  subuelo para esta reforma. Segundo expoñía Xaquín Moreda, xa en 2020 elaborouse un protocolo coa Deputación Provincial para que o Concello cedese o uso do subsolo.

Tamén se introducirán cambios no artigo 86 do PEPRICA que permitan adaptarse á Lei de Patrimonio da Xunta de Galicia, que é máis flexible que o plan especial do centro histórico pontevedrés. 

Segundo Moreira a lei autonómica permitiría intervir, por exemplo, nun forxado realizado nos anos 60 no interior dalgún edificio tanto público como privado da zona monumental, algo que o PEPRICA ata o de agora non permite. Co cambio do artigo sería posible rehabilitar eses interiores.

O Concello atópase á espera dos informes ambientais e de servidumes aeronáuticas que permitan iniciar o procedemento para a aprobación inicial que permita actuar na mazá histórica do Museo.

TAPADO DE MEDIANEIRAS COA CONSTRUCIÓN DE DOUS INMOBLES

Tamén se tramitaban na comisión de Urbanismo dúas licenzas para obras de construción de edificios de vivendas que, ademais, permitirán eliminar as medianeiras que, segundo o concelleiro, desentoaban coa paisaxe urbana do centro da cidade.

A licenza concedeuse para a rúa Filgueira Valverde coa esquina con Joaquín Costa e en Loureiro Crespo na contorna onde se está construíndo o centro para persoas maiores. Trátase de dous edificios previstos para once e nove vivendas, respectivamente.