Mocedade científica amosa experimentos na Alameda de Talo Río

Soutomaior
13 de maio 2024

Proxectos, visitas guiadas, obradoiros e o espectáculo 'Enerxía' completan as actividades dentro da terceira edición da Feira de Ciencia que se desenvolve en Arcade (Soutomaior). O alcalde manu Lourenzo visitaba a carpa para comprobar as propostas dos estudantes

Participantes na Feira da Ciencia Concello de Soutomaior

Unha carpa instalada na Alameda de Talo Río en Arcade é o espazo escollido para o desenvolvemento da terceira edición da Feira de Ciencia en Soutomaior.

Nesta xornada do 13 de maio organizáronse diferentes actividades organizadas polo Concello en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, achegábase ata a exposición de proxectos de centros escolares participantes como o IES Soutomaior, o IES Luis Seoane, o IES Illa de San Simón e o Colexio Santiago Apóstolo. 

Nesta edición unha das grandes novidades atópase na participación de alumnado de quinto e sexto de primaria, de maneira que o CEIP de Ponte Sampaio e do Colexio Santiago Apóstolo tamén presentaron propostas nesta iniciativa que pretende fomentar o labor de investigación entre o alumnado.

Entre as propostas figuraba un ecosistema monetario dos microorganismos; pasta de dentes de elefante; esferas indicadoras ou unha serpe química, entre outras orixinais iniciativas.

O evento tamén permitiu visitas guiadas pola Feira coa posibilidade de completar unha ficha de observación.

Ademais, durante a tarde, puxéronse en marcha obradoiros como 'Xogando coa ciencia' ou 'Arte e ciencia' e un espectáculo científico denominado 'Enerxía', destinado a todos os públicos.

Dentro desta proposta tamén se inclúe o programa Divulgaciencia, que se iniciaba en febreiro cunha xornada para o alumnado do IES Soutomaior e do Santiago Apóstolo na que se trataba a etapa adolescente desde unha perspectiva científica. 

En abril celebráronse roteiros científicos para analizar o mundo mariño. Tamén se realizaron talleres sobre Intelixencia Artificial, Deseño de aplicacións, reto de aterraxe con telemetría ou sobre hábitos alimenticios relacionados coa ciencia, entre outras temáticas.