Misión Biolóxica de Galicia, "cien años de compromiso con la investigación y la ciencia"

Pontevedra
15 de xullo 2021

O Consello Superior de Investigacións Científicas celebraba este xoves 15 de xullo un acto institucional na sede da Misión Biolóxica de Galicia no pontevedrés Pazo de Gandarón para conmemorar o centenario deste instituto de investigación, creado por Cruz Gallástegui en 1921

Acto do centenario da Misión Biolóxica de Galicia Cristina Saiz

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) celebraba este xoves 15 de xullo un acto institucional na sede da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) en Pontevedra para conmemorar o centenario deste instituto de investigación.

A cerimonia contou coa intervención de Elena Cartea, directora da MBG; Ana Mejías, deputada provincial de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial; o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente do Parlamento de Galicia Miguel Ángel Santalices; e a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez.

Elena Cartea manifestaba que nos atopamos ante a celebración de "cien años de historia, de compromiso con la investigación y la ciencia". Na súa alocución, trazou un percorrido pola historia da Misión Biolóxica, desde a súa creación en 1921 por iniciativa da Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas que presidía Santiago Ramón y Cajal ata a actualidade, na que "la sociedad comprende la importancia de la ciencia" pola súa resposta ante a pandemia da Covid.

A directora da Misión Biolóxica de Galicia desde 2015 expoñía que o seu centro dedícase fundamentalmente á investigación agraria e forestal, ocupándose dos principais cultivos e especies leñosas de Galicia. A súa liña de investigación global trata sobre os procesos xenéticos, ecolóxicos e evolutivos que son relevantes para facer máis sostible a agricultura e silvicultura, centrándose en diversas especies hortícolas, cereais e leñosas amplamente cultivadas.

Con respecto ao futuro, Cartea apuntaba a que neste momento histórico para a ciencia toca "asumir grandes retos, como son el cambio climático, la pérdida de la biodiversidad, el desarrollo sostenible, la alimentación del futuro o la revolución tecnológica" e, no seu ámbito, seguir avanzando para rachar co "techo de cristal".

A deputada Ana Mejías lembraba a especial vinculación da Deputación de Pontevedra coa Misión Biolóxica "xa que desde 1928 cedeulle o Pazo de Gandarón, propiedade da institución provincial, para acoller as instalacións que agora dependen do CSIC". Esta cesión foi froito do empeño do presidente provincial de entón, o pontevedrés Daniel de la Sota.

Tamén evocou momentos da historia o alcalde de Pontevedra Miguel Fernández Lores, para quen esta efeméride marca "cen anos que nos sitúan ante o espello da Galiza que puido ser". En concreto, referiuse ás diferentes figuras do ámbito científico galego que fixeron a súa achega ao impulso da investigación en diversos ámbitos: Cruz Gallástegui, Bóveda, Castelao, Osorio Tafall, Parga Pondal e Daniel de la Sota.

"Todos eles foron bolseiros da Junta de Ampliación de Estudios, o que posibilitou que se formaran os mellores técnicos de investigación daquela Galiza que apostaba polo coñecemento, a educación e pola investigación" nos anos anteriores á Guerra Civil nos que a Misión Biolóxica viviu a súa etapa de esplendor e que non retomou ata moitos anos despois do fin da ditadura franquista, lembraba o alcalde.

Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, sinalaba que o edificio que alberga ao organismo autonómico, o Pazo do Hórreo de Santiago de Compostela, foi "entre 1921 e 1927 a primeira sede da Misión Biolóxica". Así mesmo, avanzou que en decembro deste ano vanse a conmemorar os 40 anos de existencia do Parlamento de Galicia, onde a MBG terá un lugar especial nas celebracións.

Santalices tivo un recordo especial para o fundador e primeiro director da Misión Biolóxica de Galicia, Cruz Gallástegui Unamuno, que en "apenas media hectárea nos xardíns do Parlamento traballaba practicamente en solitario, coa única compaña do seu axudante Manuel Martínez Castellón".

Finalizaba o acto institucional coa intervención da presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, quen tamén lembrou a figura de Cruz Gallástegui, "su primer director y quien durante 39 años guió su trayectoria", e cuxa familia se atopaba presente entre o público.

Aludiu tamén a que a Misión Biolóxica é un instituto de referencia coas súas investigacións "sobre cultivos importantes para Galicia como maíz, brásicas, vid, legumbres y, más recientemente olivo, rosas y especies forestales como pinos y robles" e que os seus "científicos son ampliamente reconocidos a nivel internacional". Por todo iso, reiteraba os parabésn polas grandes achegas da Misión Biolóxica de Galicia, á que lle augura moitos centenarios máis.