Milleiros de persoas participan nunha exitosa Festa da Ostra

Soutomaior
07 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O escritor Manuel Lourenzo Domínguez leu un pregón ateigado de referencias literarias e de anécdotas nas que se mesturaron vivencias persoais con situacións imaxinarias. A celebración gastronómica continuará ata a noite en Soutomaior coa actuación de Cantanascroas ás 18.30 horas no peirao de Arcade

Festa da Ostra 2024 Cristina Saiz

Miles de persoas déronse cita este domingo no peirao de Arcade para gozar da 36 edición da Festa da Ostra de Soutomaior.

Ao mediodía, o público vivía intensamente a Festa tanto no interior da carpa como nos exteriores aproveitando os raios do sol que, por momentos, brillaban na ría.

Tanto a ameixa ao natural como a proposta experimental de OsTres con ostras cociñadas de tres maneiras diferentes para combinar o sabor a mar co de montaña obtiveron un éxito entre os visitantes que acompañaron o prato con viños Albariños de Soutomaior.

O escritor Manuel Lourenzo González foi o encargado de dar lectura a un pregón no que, con humor, fixo referencia á orixe da ostra en tempo dos dinosauros coa presenza dun exemplar xigantesco ao que denominou Megaostreon Saporísima.

Fixo referencia tamén a que as dúas illas da paisaxe marítima de Arcade, as Illas Alvedosas, fosen dúas ostras tamén xigantescas que quedaron fosilizadas adornando a ría. Coa súa ironía, convidou os asistentes a realizar catas para comprobar este feito.

O premiado autor literario pediu a todos os presentes que a vea imaxinativa e desenfadada que caracteriza os galegos non se perda nunca. Tras o pregón, a música jazz fixo presenza mentres o público consumía ostras.

O alcalde Manu Lourenzo agradeceu o "enorme" traballo realizado por funcionariado, ostricultores, adegueiros e persoas relacionadas coa organización do evento para lograr o éxito desta edición.

A Festa da Ostra continuará ata últimas horas da tarde deste domingo. Ás 18.30 horas está prevista a actuación musical de Cantanascroas no peirao de Arcade.