Miles de persoas de toda Galicia saen á rúa en defensa da Sanidade Pública

Pontevedra
12 de febreiro 2023

A Plataforma convocante situou en 50.000 as persoas asistentes, aínda que a Policía Local de Santiago rebaixaba á metade esa cifra aínda que puntualizaron que é a máis numerosa que se viviu en Compostela desde a do Prestige  

Miles de persoas, abarrotan a praza do Obradoiro, convocadas por SOS Sanidade Pública EFE / Lavandeira Jr

Miles de persoas procedentes de toda Galicia manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela secundando a convocatoria feita pola plataforma SOS Sanidade Pública para denunciar a situación de "progresiva deterioración" que, aseguran, está a sufrir a Atención Primaria e o Servizo Galego de Saúde.

A marcha partíu ás doce e cuarto da Alameda de Santiago encabezada por unha pancarta na que se lía "Na defensa e mellora da sanidade pública. Queremos a nosa atención primaria". 

Durante o percorrido os participantes corearon frases como "O público é servizo, o privado beneficio", "Rueda, atende, o Sergas non se vende", "Hospital privado, futuro hipotecado", o "Máis persoal, tamén no rural". 

A multitudinaria concorrencia nesta mobilización provocou que a cola da marcha tardase unha hora e cuarto en chegar desde a Alameda ata a Praza do Obradoiro, onde concluíu o acto de protesta.

A Plataforma convocante situou en 50.000 as persoas asistentes, aínda que a Policía Local de Santiago rebaixaba á metade esa cifra puntualizando que é a máis numerosa que se viviu en Compostela desde a do Prestige.

Tamén participaron os líderes do BNG, Ana Pontón, e do PSdeG, Valentín González Formoso, que compartiron a marcha tras unha pancarta na que se lía "Na defensa da sanidade pública. Salvemos a atención primaria", ademais houbo numerosos alcaldes, concelleiros e representantes políticos e sindicais de toda Galicia. 

MANIFESTO

Fronte á Catedral, os organizadores leron o manifesto da convocatoria, no que sinalaron que xa antes da pandemia de Covid-19, a Atención Primaria atravesaba "unha profunda crise estrutural, con déficit importante de profesionais debido á non renovación das xubilacións, baixas e vacacións, provocando demoras e masificación". Pero é agora, alertaron, cando esta situación "está a alcanzar un punto de inflexión que pode ser irreversible". 

"Continúan os problemas de acceso á asistencia sanitaria, coa hexemonía da consulta telefónica, listas de espera inaceptables, ausencia de médicos e de pediatras nos centros de saúde e peches de urxencias extrahospitalarias". No manifesto tamén criticaron que o Sergas manteña un financiamento do 14% do gasto sanitario, "que supón a metade do 25% necesario (segundo propón a OMS)", e continúe sen poñer en marcha "un plan extraordinario e urxente".

 "A Consellería propón unicamente uns cambios ínfimos e ridículos na historia clínica ou na remuneración do persoal, que soporta unha situación de desmantelación e masificación intolerable, pola política sanitaria do PP, e daqueles que cando gobernan, colócanse ao servizo do capital e das privatizacións. E de botarlle a culpa ao Goberno central, xa non coa". A masificación das consultas, explican, xunto ás demoras en probas e intervencións, "teñen consencuencias moi negativas na calidade da atención,entre elas o atraso no diagnóstico de múltiples patoloxías". Ademais, "a non atención en Atención Primaria provoca o colapso das urxencias sanitarias". "Esta degradación da sanidade pública é unha estratexia deliberada para beneficiar os intereses dos fondos de investimento privados, á conta de suprimirlle un dereito básico á clase traballadora".

Entre as propostas detalladas polos organizadores no seu manifesto, destacan a posta en marcha de "un plan extraordinario e urxente", o debate e aprobación, por parte do Parlamento galego, da Iniciativa Lexislativa Popular da Plataforma SOS Sanidade Pública, así como un incremento do orzamento sanitario e do gasto en Primaria ata o 25% do total, a creación do Consello de Saúde de Área Sanitaria e ou Consello de Saúde de Galicia, "para dar participación á cidadanía na toma de decisións", e a recuperación das prazas recortadas.

Solicitan tamén novas políticas de persoal que favorecan a estabilidade laboral e a posta en marcha dos Plans Locais de Saúde e un plan "para utilizar plenamente os recursos hospitalarios".

Concluíron pididiendo o cesamento "inmediato" dos responsables políticos desta "gravísima situación". "A Xunta de Galicia é a única responsable", aseguraron.