Micaton Ergonomics, unha empresa de Vigo dedicada á fabricación e ensamblaxe de ferramentas manuais e eléctricas de uso doméstico e industrial, foi a merecedora do premio Novo Empresario do Ano 2015 na edición XX destes galardóns que concede AJE Pontevedra.
A investigadora da Universidade de Vigo, Estefanía Brignardello, recibiu o Premio Novo Emprendedor do Ano pola iniciativa Biofast, para a fabricación a partir de dentes de quenlla de produtos sanitarios destinados á rexeneración ósea.
Estefanía poderá gozar dun ano de aloxamento gratuíto nun dos viveiros do Consorcio da Zona Franca de Vigo, mentres que os responsables de Micaton Ergonomics recibirán un iPad, acceso ao programa Executive en Desenvolvemento Directivo, valorado en 8.000 euros, e unha escultura conmemorativa.
Na gala organizada por AJE Pontevedra no Liceo Casino tamién recoñeceuse a traxectoria de Emilio Clavo Lumbreras, presidente de Clavo Conxelados, que foi o empresario premiado de maneira honorífica pola Asociación de Jóvenes Empresarios.
Finalmente, tamén se premiou o traballo do perruqueiro pontevedrés Carlos Conde, co Accésit á Creación de Emprego, e o dos poienses Pablo Argibay, Alfonso Villanueva, Pilar Varela e Xosé Rial, co Accésit á Innovación, polo seu proxecto Beltaine, de deseño e comercialización de produtos de alimentación baseados na cociña tradicional galega.
Ao evento acudiu a ministra de Fomento, Ana Pastor; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o subdelegado do Goberno, Antonio Coello; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa en funcións, Carme da Silva; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño; o presidente da Confederación Española de Novos Empresarios, CEAJE, Juan Merino, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, CEP, Jorge Cebreiros e a presidenta da AJE Pontevedra, Lucía Pedroso.