Mexi-Llón xa é unha realidade: coñece a mascota oficial da Vuelta Ciclista a España

Pontevedra
16 de agosto 2013

Presentárase sobre o papel, pero por fin este venres puidémola ver en 'carne e óso'. Por primeira vez nas súas 68 edicións, a Vuelta Ciclista a España conta con mascota oficial. Trátase de Mexi-Llón, un mexillón das Rías Baixas que gusta do ciclismo e en torno ao cal se crearon múltiples materiais como un conto deseñado por Pepe Carreiro e que permitirá promocionar o destino provincia de Pontevedra-Rías Baixas por toda España

Presentación de Mexi-Llón, a mascota oficial da Vuelta Ciclista a España Deputación de Pontevedra

Presentárase sobre o papel, pero por fin este venres puidémola ver en 'carne e óso'. Por primeira vez nas súas 68 edicións, a Vuelta Ciclista a España conta con mascota oficial. Trátase de Mexi-Llón, un mexillón das Rías Baixas que gusta do ciclismo e en torno ao cal se crearon múltiples materiais como un conto deseñado por Pepe Carreiro e que permitirá promocionar o destino provincia de Pontevedra-Rías Baixas por toda España.

A mascota, coa que se busca tamén dar a coñecer un dos produtos máis representativos das Rías Baixas e de Galicia como é o mexillón, foi presentada no Centro de Vacacións da Lanzada, que xestiona a Deputación de Pontevedra. Fixo as delicias do preto de cento de nenos e nenas que están a participar estes días no campamento e que quixeron falar e, incluso, bailar con el.

Durante a presentación, que estivo presidida polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, o director de Unipublic, Javier Guillén, ou o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde, Louzán animou aos máis novos a "saír á rúa" para disfrutar en directo do paso da Vuelta polos concellos da provincia e a afeccionarse a un deporte que se pode practicar en calquera parte, aínda que sempre "con seguridade".

O presidente da Deputación incidiu tamén no "efecto promocional" deste evento, "dunha magnitude extraordinaria e que temos que aproveitar para dar a coñecer este entorno magnífico no que vivimos". Buscarán, señaló, "que as estradas estean desbordadas de afeccionados apaixoados por ver o paso da Volta", co convencemento de que, tamén en 2013, será un evento que Pontevedra "viva de maneira moi apaixoada".

No eido deportivo, tanto Rafael Louzán como Javier Guillén amosáronse convencidos de que, ao igual que pasou o pasado ano, as etapas galegas "serán magníficas" e dunha gran calidade.