MeteoGalicia rectifica os datos das choivas para que a Deputación poida cambiar as axudas aos concellos do anterior goberno provincial

Cerdedo-Cotobade
16 de decembro 2023

O grupo provincial do PSOE asegura que "a partir de agora xa sabemos que na nosa provincia chove distinto, segundo goberne o Partido Socialista ou o PP"

Tromba de auga Cristina Saiz

A Deputación de Pontevedra vén de cambiar o reparto das subvencións, valoradas nun total de 2,7 millóns de euros, que o anterior Goberno provincial do Partido Socialista e o BNG concedeu aos concellos da provincia para resarcilos dos danos provocados polos temporais do último Nadal. 

O grupo provincial do PSOE denuncia que os actuais dirixentes da Deputación apoiáronse para elo nun "informe á carta de MeteoGalicia" que rectifica os datos das precipitacións rexistradas que se tiñan certificado polo organismo meteorolóxico da Xunta o pasado mes de febreiro.

As axudas foron repartidas polo anterior Goberno, presidido por Carmela Silva, no mes de xuño, a partir dos datos oficiais de MeteoGalicia sobre as precipitacións rexistradas o 1 de xaneiro pasado nos concellos de menos de 20.000 habitantes. As bases do plan estableceron un baremo obxectivo que asignaba cantidades fixas en función da choiva rexistrada por metro cadrado nesa xornada. A anterior presidenta provincial asinou en xuño a resolución pola que se repartían e publicaban as subvencións.

Un mes despois da chegada do Partido Popular ao Goberno da Deputación solicitou un segundo informe sobre as precipitacións que rectifica ao primeiro e que foi asinado polo subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Isaac Gómez, o pasado 7 de agosto e que asegura que detectouse un erro nos datos dunha estación meteorolóxica "que subestimou a precipitacións nos concellos de Rodeiro, Agolada e arredores". 

Non obstante, a modificación vai bastante máis alá dos concellos aos que alude MeteoGalicia.

A resultas desta corrección viron incrementados o importe da subvención cinco concellos gobernados polo Partido Popular: A Guarda, A Lama, Campo Lameiro, Covelo e Oia; ademais lograron subas na subvención provincial Agolada e Vila de Cruces (independentes), Cuntis e Rodeiro (PSdeG-PSOE) e Moaña (BNG). Tamén se incluíu a Cerdedo-Cotobade (PP) que quedara fóra do reparto por un erro na transcrición. Pola contra, pasaron a recibir menos importe os concellos de O Rosal e Mondariz-Balneario (BNG), As Neves (PP) e Fornelos de Montes (PSdeG-PSOE).

Sen embargo, Fornelos reaccionou achegando un terceiro informe de MeteoGalicia, cinguido exclusivamente ao seu concello, e acabou logrando mesmo o incremento da subvención inicial.

O voceiro do grupo provincial socialista, Carlos Font, considera que "estamos diante dunha auténtica trapallada caciquil típica do PP", e manifesta a "perplexidade" con MeteoGalicia: " como é posible que poida certificar que na provincia de Pontevedra chove distinto segundo goberne o Partido Socialista a Deputación ou o ente provincial estea en mans do Partido Popular".

"Está clarísimo que na Deputación querían cambiar o reparto, coa súa habitual tendencia ao partidismo, e fixeron todo o que puideron para facelo", conclúe.