Mes reivindicativo en Poio polo 25-N coa reactivación da campaña 'En Negro contra as Violencias'

Poio
12 de novembro 2020

A través de obradoiros, actos institucionais e o repartimento de máscaras e material en defensa da igualdade vai reforzarse desde a Concellería o labor para detectar e previr actitudes e comportamentos machistas, especialmente entre a mocidade, aos que se dedicará varias propostas no instituto

Presentación en Poio dos actos conmemorativos do 25-N Concello de Poio

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e a concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Poio puxo en marcha diversas iniciativas que se desenvolverán ao longo do mes para previr e detectar condutas machistas, especialmente centradas na xente máis nova.

A concelleira Silvia Díaz, responsable de Igualdade, e Raquel Morales, directora do CIM, presentaban este xoves as propostas dunha programación que atenderá todos os protocolos covid-19. As actividades, segundo explicaron, realizaranse cumprindo as medidas hixiénicas, de capacidade do espazo e distanciamento.

Ademais, Silvia Díaz afirmou que a pandemia agravou moitas situacións de desigualdade e afectou a moitas mulleres, que se viron máis expostas ao virus no ámbito laboral e nos coidados familiares, ademais de ser as máis afectadas polos Ertes nas empresas. Ante esta situación, aseguraba que o Concello realizará un esforzo para eliminar este tipo de discriminacións que se sofren polo simple feito de ser muller.

As actividades iniciadas coa Mesa Local contra a Violencia de Xénero continúan este xoves no instituto de Poio onde se desenvolverán diferentes propostas xa que, segundo expoñía a concelleira, no ámbito educativo é preciso poñer o acento á hora de establecer ferramentas que axuden a detectar comportamentos machistas.

O alumnado de cuarto de ESO participará ata o 19 de novembro nun taller impartido por Llerena Perozo, autora do libro 'En Poio sementamos Igualdade' e achegará pautas para que as estudantes actúen en caso de detectar accións machistas. 

Ata as instalacións do instituto desprazarase a Caravana Espazo Libre con dous axentes de igualdade, que se encargarán de repartir información entre o alumnado de bacharelato. Esta caravana tamén realizará un percorrido por outros puntos do municipio, entre os días 20 e 25, coa repartimento de máscaras co lema Poio en Negro. 

A concellería tamén reactivará a campaña 'En Negro contra as Violencias', entre o 18 e o 25, coa idea de que locais comerciais e empresas mostren carteis, bandeiras e camisetas negras para mostrar o seu rexeitamento ao machismo. Ademais solicitan a publicación de fotos con esta mensaxe a través dos cancelos #EnPoio2020, #ContraAsViolencias, #PoioEnNegro e #GaliciaEnNegro.

O material pódese solicitar enviando un correo a participa@concellopoio.galou descargando os deseños a través do web do Concello.

O 25-N realizaranse o parón institucional ás portas do edificio do Concello. Lerase a moción elaborada por todos os grupos que forman a corporación na que se mostra a súa oposición á violencia contra as mulleres.

O último acto será o 3 de decembro coa instalación no IES de Poio dun posto cedido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta no que baixo o lema 'Agresión OFF' alertarase ao alumnado dos dous primeiros cursos de ESO dos problemas que xera a violencia machista.