Mergulladores traballan en Beiramar para evitar que a auga do mar chegue á depuradora dos Praceres

Pontevedra
31 de agosto 2020

A galería de servizos de Beiramar, pola que pasan as redes de saneamento cara a depuradora dos Praceres, volve a estar en obras. Desta volta para acabar co problema das filtracións e evitar que a auga do mar chegue ás instalacións da EDAR desde Pontevedra

Un dos mergulladores que traballa na galería de servizos de Beiramar Concello de Pontevedra

A galería de servizos de Beiramar, pola que pasan as redes de saneamento cara a depuradora dos Praceres, volve a estar en obras. Desta volta para acabar co problema das filtracións e evitar que a auga do mar chegue ás instalacións da EDAR desde Pontevedra.

Nesta actuación, que xa está en marcha por parte da compañía Viaqua, responsable do contrato do ciclo da auga, investiranse 196.594 euros. As obras durarán tres meses.

A portavoz do goberno municipal, Carme da Silva, explicou que estas obras suporán elevar os quince colectores existentes ata a rasante da calzada

Así, se hai algún problema de atasco, os pozos serán accesibles con máis facilidade como en calquera outro punto da cidade.

Deste xeito, as tapas dos colectores quedarán ao nivel da calzada pola que discorre a galería de servizos, o que impide que entre auga no interior e fai máis doado calquera tipo de traballo desde o exterior, sen necesidade de descender á galería de servizos.

Na actualidade, esta actuación, que están realizando mergulladores especializados, xa se rematou en catro dos quince colectores.

Esta mellora permitirá que non se produzan filtracións de auga polas subidas da marea e facilitar os traballos e a entrada de maquinaria cando haxa que desatascar os colectores.