O mercadiño de Nadal de Vilaboa, que terá seis postos, volverá a estar en Paredes

Vilaboa
19 de novembro 2024

O mercadiño permanecerá aberto do 22 de decembro ao 6 de xaneiro. Será en horario de tarde os días laborais e durante toda a xornada durante as fins de semana e os festivos

Mercadiño de Vilaboa Concello de Vilaboa

Seis casetas de madeira para a exposición e comercialización de artigos formarán parte da cuarta edición do mercadiño de Nadal de Vilaboa que, ao igual que pasado ano, volverá instalarse na Carretera Vella, en Paredes.

O mercadiño, que contará con iluminación e fío musical para ambientar o entorno, permanecerá aberto do 22 de decembro ao 6 de xaneiro. Será en horario de tarde os días laborais e durante toda a xornada durante as fins de semana e os festivos.

Esta iniciativa busca que os veciños e veciñas de Vilaboa poidan adquirir agasallos orixinais e creativos para estas festas, elaborados de xeito manual por emprendedores do municipio.

As persoas interesadas en contar cunha das seis casetas que oferta o Concello terán que formalizar a súa solicitude antes do próximo 5 de decembro.

Poderán facelo a través do correo electrónico cgallego@vilaboa.gal.

O Concello, como fixo xa na edición pasada, deixará aberta a posibilidade de compartir casetas e mesmo de facer colaboracións puntuais no caso de que resulten insuficientes para atender as peticións recibidas ou no caso daqueles artesáns que opten por reducir os días de feira.

Carmen Gallego, concelleira de Promoción Económica, destaca que con esta iniciativa queren visualizar o traballo artesanal que fan os emprendedores de Vilaboa, sendo unha "boa oportunidade" para quen teña na venta directa unha liña de saída aos seus artigos.

As casetas serán adxudicadas por rigurosa orde de entrada das solicitudes e, en caso de haber máis demanda que casetas, "trataremos de buscar solucións para que ninguén quede fóra", garanten desde o goberno municipal.