Aprender a facer un cocido, distinguir os tipos de col, coñecer o mercado de abastos (o edificio e a xente que traballa nel), o que significa o comercio de proximidade, as diferenzas entre un mercado e un supermercado... e todo nun ambiente lúdico e de xogo. Así foron as dúas primeiras visitas que se achegaron este venres a O Ganapán, o espazo infantil da praza de abastos que ten aos nenos de 3 a 6 anos como protagonistas.
Os primeiros "visitantes" foron medio cento de nenos do CEIP A Xunqueira 1, que fixeron o percorrido en dúas quendas.
A inocencia dos pequechos deu para moitas anécdotas, entre elas o susto que levaron cunha anguía que confundiron cunha serpe, pero a visita tamén tivo unha chea de preguntas e como non, risas ata escachar. Pasárono pipa.