Menos postos e menos días para a feira do mel post Covid-19

Pontevedra
07 de agosto 2020

A Feira do Mel volveu este xoves 6 de agosto á rúa Serra de Pontevedra entre estritas medidas de seguridade e hixiene. Soamente ten 8 postos e durará 3 días, do 6 ao 9 de agosto. Yoya Blanco visitou este xoves a carpa e explicou que a realización da feira neste ano tan complicado era vital  

Feira do Mel na rúa Serra (arquivo) Concello de Pontevedra

A Feira do Mel volveu este xoves 6 de agosto á rúa Serra de Pontevedra. Fíxoo con estritas medidas de seguridade e hixiene e con menos postos e duración que en anos anteriores, para adaptarse á nova realidade derivada da pandemia do coronavirus. 

A Feira do Mel está ubicada no seu lugar habitual de cada agosto, a rúa Serra, pero a súa imaxe e moi diferente á de anos anteriores, pois neste ano de nova normalidade presenta unha diminución de postos de maneira considerable. Así, soamente ten 8 postos cumprindo estritamente as medidas de seguridade e hixiene.

Ademais, a súa duración será menor á de edicións pasadas e unicamente se celebrará durante 3 días, do 6 ao 9 de agosto. Será en horario de 10 a 14 horas pola mañá e de 18 a 22 polo serán, agás o domingo 9, cando o que o horario será de 11 a 14.30 horas.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, visitou este xoves a carpa situada na rúa Serra e explicou que a realización da feira neste ano tan complicado era vital e era necesario un esforzo para axudar aos apicultores e ao comercio do mel, de maneira que o Concello quixo seguir apoiando á asociación de apicultores que impulsa o evento.