Arranca a segunda parte da misión comercial de Pontevedra en México. Tras finalizar a feira Expopymes, na que participaron nove empresas das Rías Baixas, o modelo urbano da cidade reclama o seu espazo. Fíxoo xa cunha primeira conferencia en Cidade de México, que impartiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
A conferencia, que se celebrou no Centro Cultural de España en México, foi a primeira gran cita institucional da visita da delegación do Concello á capital azteca.
Ante un centenar de asistentes, Fernández Lores explicou os detalles do modelo urbano de Pontevedra e a profunda transformación que a cidade experimentou nos últimos anos. Iso si, neste caso, ademais da mobilidade e a recuperación de espazos públicos, cun acento especial na actividade económica, creativa e cultural de Pontevedra.
Tras a proxección de varias pezas audiovisuais sobre a cidade, o alcalde explicou ao público mexicano que Pontevedra propón un novo modelo que consiste en dar prioridade ás persoas, recuperando espazos públicos para a convivencia social.
"Vivir na rúa e convertela no centro da sociabilidade é o paso de xigante que deu Pontevedra para converterse nunha nova cidade", sinalou o rexedor pontevedrés.
Lores engadiu que "se queremos cidades mellores, máis sas e que poidan converterse facilmente en escenarios para a vida creativa, temos que cambialas profundamente e facelas evolucionar doutra forma".
Aínda que tamén aproveitou para explicar o sistema de mobilidade que rexe en Pontevedra e lembrou os numerosos premios recibidos internacionalmente polo seu modelo, o alcalde puxo en valor as "constantes" citas culturais, festivas ou deportivas da cidade como motores "fundamentais" de actividade económica.
Ao termo da súa intervención, abriuse un faladoiro que durante preto dunha hora permitiu analizar detalles concretos da experiencia pontevedresa e comparala coa realidade de Cidade de México.
A pesar das diferenzas evidentes entre ambas as cidades, Fernández Lores asegurou que "a xente quere vivir en espazos agradables" e que iso é posible logralo "en calquera sitio" sempre que exista "valentía" por parte dos dirixentes e se consulte coa cidadanía "aínda que non é posible chegar a un consenso total e absoluto".
O público mexicano mostrou o seu interese na recuperación do centro histórico -como ámbito degradado no pasado-, no sistema de aparcadoiros de servizos, no uso das enerxías renovables na cidade ou na accesibilidade dos espazos privados, un aspecto que, recoñeceu Lores, é un proceso que vai "moito máis lento" que nos públicos.
A delegación de Pontevedra, tras esta conferencia, chegou xa á cidade de Celaya onde protagonizarán diversos actos públicos xunto á corporación municipal desta localidade mexicana, antes de viaxar a León e Querétaro para manter encontros con representantes políticos e empresariais de ambas as rexións.
Xa o martes, de volta en Cidade de México, Miguel Anxo Fernández Lores intervirá ante a comisión de Urbanismo do Senado da república mexicana para presentar o modelo urbano de Pontevedra e, ao día seguinte, fará o propio no Instituto Tecnolóxico Autónoma de México (ITAM), que poñerá o broche de ouro a esta misión político-empresarial.