A gastronomía galega está, unha vez máis, de parabén. Até catro restaurantes incorpóranse por primeira vez á Guía Repsol cun dos seus distintivos máis emblemáticos, o Sol. E un deles, está no Grove. Trátase de Meloxeira Praia.
O establecemento, dirixido polo cociñeiro Álvaro Fuentes, foi recoñecido cun Sol, xunto con Indómito (Santiago), Nordestada (Porto do Son) e Marmurio do Río (Allariz), na gala que a Guía Repsol celebrou este martes en Tenerife.
Con estas incorporacións, Galicia suma xa un total de 43 restaurantes galardoados: dous deles con Tres Soles -Culler de Pau (O Grove) e Casa Solla (Poio)-, e trece con Dous Soles, entre eles D'Berto (O Grove), Yayo Daporta (Cambados) e Pepe Vieira (Poio).
Entre os 28 restantes, aos que se suman agora os novos condecorados, están O Eirado da Leña (Pontevedra) e o restaurante Loxe Mareiro (Carril, Vilagarcía de Arousa).
Os responsables da Guía Repsol destacan que os novos Un Sol, como Meloxeira Praia, están dirixidos por novos cociñeiros que apostan pola fórmula de menús gastronómicos máis curtos e cartas pensadas para compartir a un prezo máis alcanzable.

As súas son propostas de alta cociña que buscan que os clientes volvan ás súas mesas con maior frecuencia e teñan a opción de pedir un menú de sete ou oito pases que, en moitos casos, non superan os 40 ou 50 euros; ou compor a súa propia degustación a través da carta.
Ademais, moitos deles caracterízanse por impulsar os seus restaurantes nos lugares onde se afunden as raíces familiares, unha tendencia que está a afianzar entre unha xeración de cociñeiros para os que as cidades se volveron hostís.
No lugar onde naceron os seus devanceiros atopan a tranquilidade e a liberdade para desenvolver unha cociña persoal e distintiva, na que adoita estar involucrada parte da familia como, desde hai anos, é o caso do propio Álvaro Fuentes.
O que distingue a Meloxeira Praia, que xa era un restaurante recomendado pola Guía Repsol, é segundo os inspectores, é unha "carta divertida en forma de libro de familia" que resulta unha sorpresa para os comensais, "combinando unha acertada cociña de fusión asiática e galega".