Melloran o asfalto na estrada que une A Reigosa con Taboadelo, en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
11 de decembro 2019

O Concello informou á Deputación, titular da estrada, do deficiente estado que presentaba o firme en diferentes tramos do vial que dá acceso a diversas localidades do municipio

Obras na estrada de Ponte Caldelas que une A Reigosa con Taboadelo Concello de Ponte Caldelas

A estrada que une A Reigosa con Taboadelo, no Concello de Ponte Caldelas, atópase en fase de renovación do firme naqueles tramos nos que se atopaba máis deteriorado polo continuo paso de vehículos e o efecto dos fenómenos meteorolóxicos. 

O inicio das obras produciuse despois de que o goberno caldelano informara á Deputación de Pontevedra, titular da estrada, do deficiente estado no que atopaban algúns dos tramos deste vial que dá servizo a núcleos como os da Reigosa, Baltar, Xustáns ou Taboadelo. Despois deste aviso, os operarios do ente provincial iniciaron os traballos nesta vía, que tamén contempla a mellora dos accesos ao campo da fista e á Casa do Pobo da Reigosa, ás instalacións do Taboleiro e ao taller de RS Pontevedra Wagen.

O obxectivo do goberno local é garantir a seguridade nas estradas que cruzan o municipio e manter unhas boas comunicacións para os veciños a través da constante atención a todas as estradas para informar á administración competente das necesidades que presenten.