A preocupación pola expansión descontrolada da covid-19 mantense no Concello do Grove. O subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia acordou este venres que a partir do vindeiro luns 19 de abril este municipio manterase no nivel máximo de restricións.
Segundo acordou o subcomité na súa reunión deste venres, esta mesma situación manterase en catro concellos galegos, Pobra do Caramiñal, O Grove, Cualedro e Carballeda de Valdeorras, dos que tan só a vila meca pertence á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Os expertos sanitarios adoptaron cambios que entrarán en vigor ás 00.00 horas do vindeiro luns 19 de abril que afectan á área sanitaria. Un deles é relativo ao Concello da Illa de Arousa, que se atopaba no nivel alto de restricións e a partir dese día baixará de nivel ao mellorar a situación epidemiolóxica.
A Illa de Arousa pasará a estar no nivel medio, o mesmo que afecta a máis municipios desta área sanitaria. Continúan neste nivel Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Marín e Meaño e súmanse Cambados, Catoira e Vilagarcía.
Ademais, estarán este nivel medio, no resto de Galicia, os termos municipais do Irixo, Pobra do Brollón, Meira, Trabada, Ribeira, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira, Cangas, Gondomar e As Neves.
No nivel alto, no que non hai ningún municipio da área sanitaria pontevedresa, estarán Cortegada, O Barco, Padrenda, Rubía, Lobeira, Barreiros, Boimorto, Boiro e Cambre
Dentro das medidas para frear a expansión da covid-19, durante esta fin de semana está chamadas a participar en toda Galicia cribados poboacionais máis de 25.000 persoas. Delas, 3.100 son do concello pontevedrés de Vilanova.