Melania Freire, un novo talento da Esdemga que triunfa na Fashion Week Madrid

Pontevedra
25 de xaneiro 2019

Un ano despois da súa creación, e cunha versión ampliada, unha colección de Melania Freire vén de triunfar na Mercedes-Benz Fashion Talent 2019, o galardón que distingue á mellor das coleccións presentadas na pasarela para novos talentos da Fashion Week Madrid

Melania Freire, na Mercedes-Benz Fashion Talent 2019 Universidade de Vigo

Un ano despois da súa creación, e cunha versión ampliada, unha colección de Melania Freire vén de triunfar na Mercedes-Benz Fashion Talent 2019, o galardón que distingue á mellor das coleccións presentadas na pasarela para novos talentos da Fashion Week Madrid.

Formada na Esdemga de Pontevedra, Freire presentou un proxecto titulado Me compré una postal de David Hockney, a colección que constituía o seu proxecto de fin de estudos e que presentou por vez primeira na pasarela Debut 2017.

"Ter recibido este premio supón para min a constatación do feito de que o traballo e implicación na realización dos proxectos persoais trae sempre consecuencias positivas", explicou a creadora sobre un galardón que recoñece como unha "gran recompensa" persoal. 

O premio, que hai dous anos tamén logrou a tamén alumna da escola pontevedresa Elena Rial, dálle a posibilidade de amosar as súas creacións na Fashion Week de Praga.

Xurdida como unha homenaxe ao artista inglés David Hockney, considerado un dos nomes de referencia do pop art, a colección está inspirada tanto en obras como os cadros de piscinas que este realizou na súa etapa en Los Ángeles na década de 1960 como na propia imaxe persoal do artista, nas súas gabardinas, gravatas e camisas.

Ademais, tamén reflicte a retrospectiva dedicada a Hockney na galería Tate Britain de Londres e a experiencia que viven as persoas que a visitan, tomando neste caso como punto de partida os debuxos que realizara no seu día dos visitantes a esta exposición.

Trátase, engade Freire, dunha "gran pintura apropiacionista", que presenta nos seus estampados "pequenos anacos pintados a man sobre o tecido" deses cadros de piscinas que se amosan "fragmentados e dispostos en paneis superpostos" na colección.

Esdemga tamén se ve representada na Fashion Week Madrid, que se desenvolve ata o 29 de xaneiro, pola titulada Sheila Pazos, unha das 15 deseñadoras seleccionadas para participar no showroom da pasarela, onde estreou a súa nova colección Cadavre Exqus, desenvolvida a partires da súa selección no programa de creación de cómic, ilustración e deseño do Injuve.