Medio século de premiados na xuntanza que comezou cunha sardiñada con cachelos e agora chega a Batacos

Pontevedra
03 de agosto 2023

A asociación Amigos de Pontevedra presentou os novos premiados: Margarita Feijóo Lino; María del Pilar Gómez Vergutini, coñecida como 'Cuca' Susana Fortes López; Juan José García Cota; José Jorge Martínez López; Alberto Domínguez Munáiz; e o Centro UNED de Pontevedra

Premiados da xuntanza de Amigos de Pontevedra 2023 Mónica Patxot

Se en 2022 se conmemoraron os 50 anos do primeiro xantar de Amigos de Pontevedra, este 2023 tócalle a quenda ás vodas de ouro dos primeiros premiados nesta cita tradicional de cada verán na capital. Os primeiros premios recoñecéronse no segundo ano desta xuntanza e, cando se conmemora este medio século de vida, hai xa unha nova lista de recoñecementos.

A directiva da asociación Amigos de Pontevedra presentou este xoves os novos premiados nun acto diante da ponte do Burgo. O seu voceiro, o xornalista pontevedrés Xabier Fortes, explicou que o lugar elixido responde á intención deste colectivo de facer as súas presentacións nun "punto representativo" da Boa Vila. 

Nesta ocasión os distinguidos cos premios 'Amigos de Pontevedra' o vindeiro venres 11 de agosto son:

  • Margarita Feijóo Lino, ex concelleira do Concello de Pontevedra e implicada na integración do colectivo xitano na actividade laboral.
  • María del Pilar Gómez Vergutini, coñecida como 'Cuca', persoa moi popular, viúva do propietario de Afar, empresaria e colaboradora en distintas asociacións benéficas. 
  • Susana Fortes López, escritora, licenciada en Xeografía e Historia e profesora no Instituto Sorolla, en Valencia.
  • Juan José García Cota, médico traumatólogo, ex médico da Selección Española de Fútbol e actualmente no Real Club Celta de Vigo.
  • José Jorge Martínez López, empregado de banca xubilado e ex xogador do Pontevedra CF. da época do 'Hai que roelo'.
  • Alberto Domínguez Munáiz, sacerdote xesuíta, actualmente ao fronte da parroquia Virxe do Camiño.
  • Centro UNED de Pontevedra, polos seus 50 anos de presencia nesta cidade.

Van 50 anos de premios e chegan nesta ocasión cun cambio de localización, ao deixar o Pazo da Cultura e cambialo pola Finca Batacos. Será unha cea, como xa sucedeu en 2022, o día previo á Peregrina -antes adoitaba ser unha comida o propio día de inicio das festas-. 

A partir das 21.00 horas haberá un encontro previo nos xardíns deste establecemento de Salcedo. A partir das 21.30 horas, comezará a cea. 

Xabier Fortes quixo lembrar este ano os seus inicios, cun primeiro xantar organizado para xuntar os pontevedreses ausentes todo o ano por cuestións profesionais no día no que comezaban as festas da Peregrina. O primeiro menú foi a base de sardiñada con cachelos regada con viño do ribeiro.

Lembrou tamén Fortes que nas últimas décadas noutras cidades houbo intentos de repetir esta iniciativa pontevedresa, pero ningunha tivo permanencia, "e unicamente queda en pé a orixinal, a de Amigos de Pontevedra".

Aquelas persoas que queira asistir poderán recoller as súas invitacións antes do 9 de agosto na Vermutería La Fabulosa da rúa Michelena, na cafetería Blanco y Negro das Palmeiras e no hotel Comercio da rúa Augusto González Besada.